Os Premios Galegos promovidos por La Voz volven na súa quinta edición: o 10 de xaneiro
03 ene 2026 . Actualizado a las 00:00 h.O 2025 pechou como un ano de merecida reivindicación da oralidade, do popular. Velaí as Letras Galegas das cantareiras. Foi un ano de exaltación da raíz e nela, tecendo fíos co anterior, está a regueifa, xénero de improvisación oral que nos últimos doce meses seguiu conquistando novos espazos. Para mostra, o documental Ao son da nova regueifa, estreado no Culturgal en novembro, ou a obra de teatro Territorio Regueifa, cuxa estrea absoluta houbo de ser reprogramada para o vindeiro 6 de febreiro, causas de forza maior. Onde será? Non podía ser noutro lugar, en Carballo, onde antes desa data haberá outra importante cita coa improvisación oral, e neste caso en escenario auditorio: chega a gran festa da regueifa e chega de novo da man de La Voz de Galicia. A quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa terá a colaboración de Calvo-Nauterra, Xunta de Galicia e Concello carballés e celebrarase o vindeiro sábado 10 de xaneiro, ás 18.00 horas, con apertura de portas dende trinta minutos antes. Convén chegar con tempo: o acceso é libre, de balde, ata completar o aforo. Un encontro de ledicia, comunidade e identidade para darlle a benvida ao novo ano: todo iso é esta cita, que tamén recibe o nome de Espalla Rimas.
A apócema
E Carballo por que? Por ser a capital de Bergantiños, a comarca galega que termou do lume regueifeiro cando semellaba que todo ía morrer. Aguantaron dela, como se dunha apócema máxica fose, nomes como os de Suso e Antonio de Xornes, en palcos de festa, vodas e obradoiros. Deulles a mente e o aire para ver chegar aínda en activo —e seguen!— a quen deveu a primeira autónoma da regueifa de Galicia, a coristanquesa Lupe Blanco. Hoxe, dende Bergantiños, os tres seguen a facer historia do que case se pode dicir que é o único xénero de improvisación oral que aínda vive como tal na comunidade. A quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, a particular homenaxe da Redacción carballesa de La Voz a todos os e as que fixeron historia desta tradición, reuniraos a eles, absolutos referentes, mais tamén outros chegados máis tarde no tempo e que viron neste xénero popular, que non só de taberna, un xeito de darlle pulo ao galego, de expresarse, de versificar de cousas que preocupan, de espelir o maxín, de facer familia e mesmo de tender pontes entre as vellas e as novas xeracións. Hai toda unha xeira de mocidade, dun extremo ao outro do territorio, dándolle pulo a este modo de estar no mundo, como o é, por facer unha similitude, o bertsolarismo no País Vasco.
O sábado 10 de xaneiro, en Carballo, haberá tempo de exhibición e de certame, coplas rimadas lanzadas dun lado ao outro arredor de temas elixidos ao chou, todos eles de rigorosa actualidade. O xurado irá facendo cribas ata chegar a unha regueifa final na que, coma ocorreu o ano pasado por vez primeira, o público terá a última palabra. Suso de Xornes e Lupe Blanco foron os protagonistas dese momento en xaneiro do 2025. Coroando todo este encontro, a festa. Se o ano pasado foron Pandeireteiras Sen Fronteiros, Pan Sen Fron, os artífices deses momentos de espectáculo musical, nesta ocasión a artista chegará dende o país veciño, Portugal: Liliana Oliveira, cantautora, cantadeira ao desafío, piar de Coraçao Minhoto.