Teatro, cinema, música e danza no «Cultura con forza» de Carballo

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

«Iribarne», da compañía ButacaZero, pasará por Carballo no vindeiro 2026
«Iribarne», da compañía ButacaZero, pasará por Carballo no vindeiro 2026 Santi M. Amil

Aínda non rematou o Nadal, pero xa se avanza un primeiro semestre intenso

23 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ben diría o exalcalde carballés Evencio Ferrero, a roda da cultura non para. Na capital de Bergantiños aínda está por comezar o ciclo Nadal Pequespectacular, con tres propostas de altura para os días 26, 28 e 29 de decembro, mais a menos de medio mes para que chegue o 2026, dende o Concello xa fixeron un adianto do que será a programación do primeiro semestre do novo ano, baixo o epígrafe de Cultura con forza.

Entre «o mellor, o máis innovador e actual do panorama artístico de dentro e fóra de Galicia» haberá teatro, danza, musica ou cinema. Así, a compañía Butacazero chegará á vila con Iribarne: xira despedida. Logo do tremendo éxito no FIOT e de ter conseguido nove galardóns nos Premios María Casares, volve a Carballo esta comedia satírica e musical. Tamén Contraproducións visitará o Pazo coa súa montaxe teatral máis recente, unha coprodución co CDG: Memorias dun neno labrego. É unha nova versión do libro do recoñecido autor Xosé Neira Vilas, do que veñen de cumprirse dez anos do seu pasamento. Sen saír da dramaturxia, outros dous nomes serán Malasombra, con O proceso, sobre Curros Enríquez, e Sarabela, con O dragón de ouro, unha peza de Schimmelpfenning arredor de cuestións de calado como a inmigración ou a prostitución. Achegándose xa ata marzo, e con motivo do Día Internacional da Muller, o programa incluirá a representación de Vitoria, peza autobiográfica de Iria Pinheiro sobre acoso sexual.

Un monólogo de Carlos Blanco, a estrea da coprodución do FIOT Territorio Regueifa, o ciclo de cinme euroárabe Amal en Ruta ou o ciclo de danza contemporánea Primavera en Danza tamén serán Cultura con forza.