O acendido de luces, o vindeiro venres 5 de decembro, dará a saída a un intenso programa
30 nov 2025 . Actualizado a las 00:13 h.Hai xa ben tempo que o Nadal deixou de vivirse na Costa da Morte como apenas catro ou cinco propostas para entreter aos máis pequenos. Na actualidade, a do Nadal é unha das programacións que máis coidan os Concellos, e para mostra a cabeceira de Bergantiños, Carballo, que vén de divulgar un almanaque «transversal» no que se implicaron as áreas de Feiras e Mercados, Cultura, Mobilidade, Educación, Promoción Económica, Servizos Sociais ou Deportes. Todo botará a andar o vindeiro venres 5 de decembro co festexo do acendido de luces (18.30) e de aí en adiante chegará un programa «diverso», «para todos os públicos» e «participativo», segundo indicou Ramón Varela, edil de Feiras e Mercados: «Son datas nas que se pode incidir sobre a sociedade dende moitos aspectos».
Este formato «transversal» púxose a «proba piloto» o ano pasado e a acollida foi tal que recuncan, con novas edicións da Feira de Artesanía (e obradoiros), da Feira Doce, dos petiscos na praza de abastos ou dos Cantos de Nadal, por poñer uns cantos exemplos. A carpa da Praza do Concello, xa instalada, será destacado epicentro.
Volve darse tamén a colaboración Concello-Centro Comercial Aberto. Seguirán dende esta entidade, contou Yolanda Antelo, coa Globoteca que tanto «éxito» tivo a campaña pasada, nesta ocasión na esquina da rúa Desiderio Varela coa Colón e dous gañadores no canto de un. O CCA tamén terá forte implicación na Feira Doce, anda xestionando as visitas de Papá Noel e, da man de Vázquez y Reino, promoverán unha acción solidaria a base de pequecrossfit que reverterá na agrupación Un Paso Máis.
Hai actividades que precisan de inscrición, como os cursos de cociña tan de moda, e dos que se ocupará Chisco Ramos, entre o 9 e o 19 de decembro: 60 prazas, divididas en catro accións formativas de vinte persoas, para aprender a elaborar dúas receitas de época, unha doce e outra salgada. Dende o luns, poderán os interesados anotarse a través do portal web carballo.gal.
Nenos e conciliación
«Chega a festa, chega a algarabía», anunciou Maica Ures, edila de Servizos Sociais, mais chega tamén a necesidade de conciliar. Para iso, un campamento de Nadal no mercado, dirixido a nenos de 6 a 12 anos, que xa esgotou prazas, e do que onte se habilitaron máis. Tamén para iso, o servizo Concilia de Nadal ou o Nadal Rebuldeiro, neste caso facilitando esa actividade para os nenos en horario de tarde, na carpa.
É o Nadal Pequespectacular un ciclo xa con entidade no Nadal carballés, e non faltará este ano, como adiantou a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, quen tamén incidiu en novidades. Dende unha velada de láser tag ao cine ou o Nadal sobre rodas, percorrido en bus polos novos parques. Conservatorio e asociacións veciñais e culturais das parroquias alimentarán este programa que chegará ao seu fin coa cabalgata de Reis.
Todo, imposible sen a Brigada de Obras, sen Policía Local ou Protección Civil. Tampouco sen artesáns, comerciantes e persoas implicadas coma as que tomaron parte da posta de longo, e ás que Daniel Pérez, alcalde, agradeceu. Gabou o «completo» programa, a coordinación entre áreas: «O Nadal comercio son datas de movemento a nivel comercial e un programa coma este supón dinamizar este comercio». Chamou a compartir tempo, coa familia, coas amizades, nas rúas, no pobo.
PARA IR TOMANDO NOTA
Acendido da iluminación
Venres 5 de decembro. Concerto da Banda infantil do CMUS ás 18.30; acendido ás 18.45 e concerto da Banda Municipal ás 19.00. A velada incluirá chocolatada
Feiras de Nadal (carpa da Praza)
Feira de Artesanía (do 6 ao 8 de decembro, con 20 postos); Nadal Larpeiro (cursos decociña do 9 ao 18 de decembro); Feira do Mercado Social (11 de decembro); Feira Doce (13 e 14 de decembro); Menú de mercado (petiscos os días 18 e 28) e Cantos de Nadal (14 e 28 de decembro).
Nadal Rebuldeiro
Mundo Xogo (do 19 ao 25 de decembro, na Praza, con parque de xogos: O polo Pepe, Carrera First, Playmobil, Rolly Toys e Piratix), Xogando sen etiquetas (día 19) e campamento infantil (do 22 a 2 de xaneiro).
Nadal Pequespectacular
Circo, danza, maxia e música en tres espectáculos no Pazo da Cultura ás 18.00: «Nanuq» (26 de decembro), «El capitán Spriki» (29) e «Galerock’n Magic» (30).
Nadal sobre rodas
O 29 de decembro, pola tarde, un bus especialmente deseñado para Carballo e para a ocasión realizará unha ruta polos novos parques infantís de O Chorís, Rego da Balsa e Praza do Outeiro. Poderán subir a el nenos e familias, cun trazado circular.
Nadal co Conservatorio de Música
Audicións e concertos os días 1, 2, 3, 4, 5, 12, 17, 18 e 19 de decembro. Ritmo!
Nadal co comercio
Volve a Globoteca do CCA, do 5 de decembro ao 5 de xaneiro; Circuíto solidario PekeCrossFit (4 xaneiro) e visita de Papá Noel e elfos (do 20 ao 24 decembro).
E ademais...
Nadal con Apego, Nadal na Biblio, Láser Tag (misión rescate do espírito de nadal, o 27), xincana de elfos, cine de Nadal, bailes de Nadal e a cabalgata de Reis, o día 5.