Presentouse o xoves pola noite, no Pazo da Cultura de Carballo, o documental «Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración»
29 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Presentouse o xoves pola noite, no Pazo da Cultura de Carballo, o documental (ou película, como lle chamaron varias veces) Sempre en Galicia, voz e pensamento galeguista na emigración. Un traballo moi ben feito sobre o programa de radio Sempre en Galicia, que acaba de cumprir 75 anos en antena, dende Montevideo e para todo Uruguai, o sur de Brasil e Bos Aires e arredores. E de xeito ininterrompido, un fito seguramente mundial, e ademais sempre en galego. É moito máis que un programa de radio: é historia da emigración galega en Sudamérica. Do proxecto de intelectuais e empresarios que homenaxearon a Castelao aos poucos meses da súa morte. De vencellos permanentes cunha diáspora que, ao contrario que no seus país de orixe, tiñan un programa na súa lingua, tan lonxe e tan preto.
A proxección foi presentada pola concelleira Maruxa Suárez Cotelo, co seu director, Xan Leira, e con Manuel Suárez, que colaborou no programa uns anos. Os dous parolaron cos asistentes ao remate do documental, que rende unha especial homenaxe ao seu principal condutor dende 1986, o carballés Toni García de Seárez.