Sumrrá: «A palabra para resumir estes 25 anos é agradecemento»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

NAH INU

O trío de jazz galego chega a Carballo este venres cos últimos acordes da súa xira de cuarto de século

19 nov 2025 . Actualizado a las 23:43 h.

Venres • Intensa fin de semana a que se presenta por diante en Carballo co ciclo Novembro con Música. Entre as paradas, o venres ás 21.00 horas —no Pazo e con acceso de balde—, o concerto do trío de jazz Sumrrá, proposta que chega á capital de Bergantiños co Outono das Artes da Deputación.

Falou en Radio Voz Xacobe Martínez, contrabaixo nesta formación na que ten como compañeiros a Manuel Gutiérrez, pianista, e a Lar Legido, batería. Veñen de pasar por As Pontes, Ribeira, Sigüeiro e Sada e agora pecharán en Carballo un ciclo que lles permitiu ir a vilas moi próximas, mais que, en algún caso, non pisaran no seu cuarto de século.

—O outono préstase a jazz.

—É un bo momento para a música, é un bo momento para o jazz e tame´n para nós ir ata Carballo festexar o noso 25 aniversario. fainos moita ilusión. Estamos recibindo moi cariño dentro e fóra de Galicia. Coido que andamos con excelente saúde, repasando este tempo, os nosos sete discos, pero é que o 29 en Santiago...

—Presentan novo disco!

—Exacto! Pechamos esta xira de 25 anos, pero non só mirando atrás, senón mirando ao futuro. Non contabamos con todo isto, pero presenciamos con moito agrado a evolución deste proxecto que non deixa de darnos ledicias.

—25 anos dan para moito.

—E iso que para eses anos non son moitos discos. Facemos disco cando sentimos que temos que dar un paso máis, dotarnos de material novo... Non é por vicio! [ri]. Quedan atrás un montón de concertos, xiras moi lonxe da nosa casiña, Asia, África, América, dándonos conta de que funciona igual. Esta nosa visión da música conecta.

—Teñen falado de vostedes como o trío galego máis internacional. Pasaron por festivais de Canadá, Corea, Brasil, Portugal, China, México, Bulgaria... De Galicia ao mundo.

—Dicíannos nas últimas horas que non só somos o trío máis lonxevo de España, senón que hai moi poucos casos de jazz, disciplina tan promiscua. Cos anos a proposta vai collendo un valor e pouso.

—Xunto á solidez está o Premio Jazz España 2022, entre outros. Con que quedan? Que mudarían?

—Cambiar, nada, e iso que a industria musical nestes 25 anos cada seis meses é unha historia. Dende os inicios ata o de agora hemos visto cosas que no creerías [ri]. Fomos mirando día a día o que facer, nesta semana para nós o concerto máis importante da carreira é o do venres en Carballo. Para o do 29 estamos preparando unha proposta que non é habitual en nós, pero imos pouco a pouco, gozando do camiño. Séguenos gustando tocar xuntos, un estado de graza do que debemos ser conscientes.

LAURENCE VARLET

—Que traen a Carballo?

—Un exercicio difícil, condensar 25 anos nun concerto. É unha viaxe cronolóxica a través dos nosos sete discos, unha peza de cada, debullando co público en que momento estabamos e que supuxo cada traballo para nós. Queda un concerto ben intenso (...) Aí está o aliciente de poder presenciar en tempo real a maxia do que sucede. Hai todo un rebumbio de cousas nestes tempos actuais, pero ao final uns músicos comprometidos co que están facendo e un público conectado con eses músicos é algo ao que non hai nada que se lle asemelle.

—E haberá algo do oitavo disco que vén, «Revoluti8n»?

—Non, non! Non estará en plataformas nin en ningún outro sitio ata o día da estrea, 29 de novembro. Volvemos a Carballo para o 2026 a presentar Revoluti8n se fai falta!

—Teñen no horizonte viaxe a India: actuarán no Instituto Cervantes de Nova Delhi e Calcuta.

—Si, a nosa primeira vez alí! Outro dos agasallos deste ano. A palabra para resumir estes 25 anos é agradecemento.

—Se por soñar fose, que pediría Sumrrá neste 25.º aniversario para o mundo do jazz en Galicia? Faise moito jazz aquí?

—En Galicia si hai tradición dende hai moitísimos anos, con clubs míticos e moi bos músicos, nestes últimos anos unha canteira incrible. Hai talento, pero como cousas pendentes para o jazz, e para a música e cultura en xeral, está o ter unha visión estratéxica ambiciosa, algo que de momento non está nin se espera. Isto é unha perda de eficiencia como país, non ser quen de capitalizar este potencial tremendo que ten música e cultura. Hai unha precariedade endémica ao lado dun empeño vital e paixón que moitas veces non están correspondidos. 

TAMÉN ESTA FIN DE SEMANA EN CARBALLO...

BASILIO BELLO

Segunda parada de Ialma na comarca, agora en Carballo. Mañá • Tamén ao ciclo Novembro con Música de Carballo chegará este xoves ás 20.30 a banda galego-belga Ialma, que a pasada fin de semana pasou por Vimianzo. Ao igual que o trío de jazz Sumrrá, que actúa o venres, festexa os seus 25 anos. Afincadas en Bruxelas, Verónica, Natalia, Marisol e Eva manteñen fortes as raíces galegas, como así o amosan nesta xira á que lle puxeron por lema Para galegas, nós. Cadrando cos 50 anos do fin do franquismo, será unha homenaxe a todas aquelas mulleres e homes que tiveron que desarraigar a súa vida para escapar dunha ditatura. Ialma viaxa a Carballo tamén da man do Outono das Artes da Deputación da Coruña. Hoxe ofrecerán un concerto ben especial na Fundación Casa Rosalía, en Padrón. 

ANA GARCÍA

Festival coral de Santa Cecilia e clase de técnica vocal, en Carballo. Sábado e domingo • Ademais do folk de Ialma e do jazz de Sumrrá, o Novembro con Música carballés acollerá en vindeiros días —ademais de teatro co Coro Vagalume— outras dúas citas. Unha é o festival de Santa Cecilia da Coral Polifónica de Bergantiños: sábado 22, ás 20.00 no Pazo. Fundada no 1969 e dirixida por Gloria de los Ángeles Pardines, terán como formacións convidadas á coral polifónica Follas Novas de A Coruña, Xuntanza de Meis e á Polifónica Costa da Morte (Cee). Lágrimas negras, Lela, Yo quiero ser marinero e African Alleluia serán as pezas da coral anfitriona, mentres que Follas Novas interpretará Xa non sei cantar, La flor de la canela, Alma llanera e Suite de valses galegos. Costa da Morte sumará Hodie Christus Natus Est & The Rose, Meu amor é mariñeiro, Amazing Grace e Torre Vieja. Finalmente, dende Meis ofrecerán Por qué cantamos, Can’t help falling in love, O Canteiro y El ciclo de la vida. Doutro lado, e dentro da posta en valor da tradición neste ano de cantareiras, para o domingo ás 11.30 horas está programada unha clase de técnica vocal coa vimiancesa Tania Caamaño: proposta reservada a agrupacións carballesas.