Ás áreas de Bibliotecas e Igualdade coordinan coa UDC un intenso programa polo 25N
14 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Carballo vén de presentar a súa programación en torno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, almanaque de propostas que este ano poñerán o foco na violencia dixital e que, con todo, tal e como reivindicaron tanto a edila de Bibliotecas como a de Igualdade, Ángeles Pacoret e Maica Ures, non é traballo só dunha xornada ou dunha semana.
«O 25N ha de deixar de ser unha data anecdótica no calendario», afirmou Pacoret. Debe servir «para escoitar a voz de todas aquelas mulleres que sufriron algún tipo de violencia» e debería ser «un canto de esperanza» cara unha sociedade máis cohesionada «na que o medo non teña cabida». Estes arredor do 25N, afirmou a edila de Bibliotecas, son días para facer pausa, observar, reflexionar e actuar: «Como sociedade temos unha responsabilidade».
Proba de que en Carballo a loita vai máis alá dunha programación illada son as súas bibliotecas. Tanto na Agra de Campos como na Rego da Balsa hai un inmenso catálogo de libros, música e filmes para abordar cuestións como o feminismo, a igualdade, a educación sexual e afectiva ou a diversidade. Tamén moitos contos para nenos e nenas: «Son os homes e mulleres do futuro». As violencias machistas, unha lacra social, non se dan só nun día nin nunha semana. Violencias físicas, psicolóxicas, dixitais», enfatizou Maica Ures, encargada de debullar a programación. Nesa especial ollada ás violencias dixitais, o acto central será o 27 de novembro, un café debate sobre esta «violencia de xénero do século XXI». Xa no 2017 se tivo abordado na capital bergantiñá, pero dende entón moitas cousas mudaron, entre elas unha lexislación datada do 2024, como explicou a carballesa Eva María Souto, profesora titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC). Foi ela quen deu as claves deste encontro que permitirá clarificar varias cuestións: Que é o xénero? Que é a violencia de xénero? Que é a violencia dixital? Que son as deepfakes? E como se aborda todo isto dende o dereito penal?
Sexting, grooming, deepfakes
Ademais da propia Eva María Souto tomarán parte neste café debate José Antonio Ramos Vázquez, profesor titular de Dereito Penal e maxistrado suplente da Audiencia Provincial da Coruña, así como Ana María Neira Pena, profesora e directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC. Souto García agradeceu dende a biblioteca Rego da Balsa a oportunidade que esta cita do 27 de novembro ofrecerá para achegar á sociedade o traballo que se fai en universidades e centros de investigación: «Precísase un cambio social, educacional e de divulgación», afirmou, convencida do potencial do «control social informal», do que poden supoñer nese camiño as familias, os amigos, as asociacións, «máis alá da norma, que é necesaria». Fai falta unha intervención integral. Prácticas como o sexting, o grooming ou esas deepfakes, imaxes manipuladas con intelixencia artificial partindo dunha imaxe real, serán abordadas en Carballo. Será necesario inscribirse a través da páxina web carballo.gal.
Xénero na lexislación
Daniel Pérez, alcalde carballés, pechou a ronda de intervencións agradecendo a implicación das áreas organizadoras, así como a da UDC: «O 25N é un día de loita, pero a loita contra a violencia machista ten que selo os 365 días. Isto non é unha cuestión de mulleres. Os homes somos os primeiros que temos que entender que acabar coa violencia de xénero require a nosa implicación».
Como Pacoret, convidou a buscar nos libros un xeito de «saír da zona de escuridade»: «Temos moito que avanzar, e máis aínda nas violencias dixitais, a última expresión dunha violencia contra a muller que leva existindo dende sempre. As Administracións, e tamén a nivel social e educativo, temos unha responsabilidade. A educación é iso que permite facer clic. Ao final todo isto é respecto. Hai moito que aprender e, na lexislación, tamén moito por regular. A lexislación sempre vai por detrás da sociedade. Fai falta nela, ademais, unha perspectiva de xénero», afirmou Pérez, avogado antes de exercer de rexedor.
As actividades, ao detalle
Mércores 19 de novembro
«Lúa quere viaxar a... Marte», contos con A Xanela do Maxín. Parte do programa Apego, para nenos de 3 a 4 anos. Nas Escolas Agra de Caldas, ás 17.00 e 18.30. Inscricións en carballo.gal. Historia que convida a romper estereotipos e roles preestablecidos.
Venres 21 de novembro
«Bolboretas», con Sole Felloza, incluído no programa De landras a carballos, en colaboración coa área de Normalización Lingüística. Para maiores de 8 anos, ás 18.00 nas Escolas Agra de Caldas. Tamén con inscrición.
Martes 25 de novembro
Narración, teatro e cinema en «Cinemas de historias da man de Alice Guy», con Raquel Queizás. Para maiores de 5 anos, ás 18.00 nas Escolas Agra de Caldas. Con inscrición en carballo.gal. Tamén este 25N, na Praza ás 20.00 horas, levarase a cabo a concentración contra a violencia de xénero, con lectura de manifesto e interpretación musical a cargo do conxunto de violonchelos do Conservatorio.
Mércores 26 de novembro
Nas Escolas Agra de Caldas, ás 19.00 horas, dobre presentación literaria a cargo de Ana M. Rey, carballesa: «Muñeca de papel» e «Juego de roles».
Xoves 27 de novembro
Café-debate: A violencia dixital: a violencia de xénero do século XXI. Ás 17.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Con inscrición en carballo.gal.
E a maiores...
Formación para profesionais vinculados ao Centro de Información á Muller, talleres para alumnado de educación secundaria dos distintos centros educativos e tamén obradoiro para mulleres usuarias do CIM.