Martiño Noriega: «Xa non é tanto meu o libro, senón da xente»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

XOAN A. SOLER

Exalcalde e médico de familia, presentará hoxe en Carballo o seu libro «Os médicos tamén enferman», no que dá voz á situación da atención primaria en Galicia. Está a súa voz, mais tamén a dos pacientes, sempre dende a confidencialidade

13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Logo dunha intensa etapa política que o levou, entre outros cargos, a ser alcalde de Teo e máis tarde de Santiago, o médico de familia Martiño Noriega (1975) volveu á sanidade. Fíxoo nun momento convulso, lembraba onte: «Na segunda semana da pandemia». Dende aquela pasaron xa uns anos, mais a situación sanitaria, e dende logo a da atención primaria, está lonxe dun estado óptimo. Cóntao o propio Noriega no libro Os médicos tamén enferman —editorial Alvarellos—, unha obra que hoxe ás 19.30 presentará en Espiral Maior Foro, Carballo, acompañado do tamén autor, escritor e político Xosé Manuel Beiras: «É unha sorte, para min un regalo. Beiras foi un dos primeiros lectores deste libro, antes de que saíse publicado, e ademais faime ilusión estar en Carballo, convidados por Miguel Anxo [Fernán Vello].

—Memorias dun médico e radiografía da sanidade.

—Recollo na obra, en forma de pequenos relatos, diferentes casuísticas que se dan na atención primaria. Hai algo de compoñente de opinión persoal, de valoración do que estamos a vivir en medicina, pero quizais o máis interesante é esa voz recollida dos pacientes, dunha forma confidencial por suposto. Cousas que escoito cada día.

—Empezou cos relatos nunha situación excepcional, a pandemia. Xa pasou o tempo e non parece que mellore.

—A pandemia tensionou moito as costuras da sanidade pública, foi algo excepcional, pero nesta postpandemia segue unha situación bastante límite, con sobrecarga de traballo, saturación, situación que reverte nos pacientes. Pasa tamén na atención especializada, aí están as listas de agarda.

—Está a ser boa acollida?

—Aínda que xa publicado en abril, o percorrido do libro está a ser moi gratificante, con moito retorno. Procurei nel pequenos fogonazos desta situación, deixar un rastro, por así dicilo. O certo é que os actos están a ter moita asistencia, coa xente reflectida niso que recolle a obra. Tanto eu como a editorial Alvarellos estamos contentos de que se dea ese diálogo. A sensación que teño co libro é que xa non é tanto meu, senón máis da xente. As presentacións tamén serven para ese maior achegamento.

—Dicía que a situación reverte nos pacientes. Tamén nos médicos. Vén por aí o título?

—Vén en realidade de algo que escoito moito en consulta: «Pero os médicos tamén enfermades?». Coma se nós tivésemos algunha apócema máxica, pero non. Inicialmente a frase viña por aí, pero logo, efectivamente, colleu outra dimensión. Vin a claudicación de profesionais nunha sanidade pública tensionada, compañeiros meus de carreira que nunca estiveran de baixa, pero que acabaron por estalo. Claro que a situación tamén lle pasa factura aos propios médicos.

—Xa tiña experiencias previas publicando obras. Está animado a seguir coa escrita?

—As anteriores eran máis ben obras de cuestións políticas, X un común denominador e logo A contradición permanente, xunto con Daniel Salgado, un libro de conversas. No caso desta obra de agora, o que fixen foi recuperar algo que levo facendo dende novo, escribir, máis alá da cuestión do ensaio político. Sigo tomando notas, sempre pasan cousas en consulta, e a idea é seguir escribindo, ver que quero facer, pero antes terei que rematar estas presentacións. Escribir tamén me axuda a ordenarme, a deixar constancia.