Carballo porá o foco este 25N na violencia dixital sobre as mulleres
CARBALLO MUNICIPIO
O Concello vén de presentar a súa programación para as vindeiras xornadas, froito da colaboración das áreas de Bibliotecas e Igualdade, así como da UDC
14 nov 2025 . Actualizado a las 15:11 h.O Concello de Carballo vén de presentar a súa programación en torno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, un almanaque de propostas que este ano poñerán o foco na violencia dixital e que, con todo, tal e como reivindicaron tanto a edila de Bibliotecas como a de Igualdade, Ángeles Pacoret e Maica Ures, non é traballo só dunha xornada ou dunha semana.
«O 25N ha de deixar de ser unha data anecdótica no calendario», afirmou Pacoret. Debe servir, dixo tamén, para escoitar a voz de todas aquelas mulleres que sufriron algún tipo de violencia e debería ser ademais «un canto de esperanza» cara unha sociedadade máis cohesionada «na que o medo non teña cabida». Estes arredor do 25 de novembro, afirmou a edila de Bibliotecas, son días para facer unha pausa, observar, reflexionar e sobre todo actuar: «Como sociedade temos unha responsabilidade».
Proba de que en Carballo a loita vai máis alá dunha programación illada son as súas bibliotecas. Tanto na Agra de Campos como na Rego da Balsa, que acolleu a presentación deste ciclo, hai un amplo catálogo de libros, música e tamén filmes para abordar cuestións como o feminismo, a igualdade, a educación sexual e afectiva ou a diversidade: «Unha sección permanente» á que convidou a visitar, poñendo énfase especialmente nos contos dirixidos aos máis pequenos: «Son os homes e mulleres do futuro». Por aí, pola transformación persoal, comeza todo, para logo poder dar paso a unha transformación social». «As violencias machistas, lacra social, non se dan só nun día nin nunha semana. Violencias físicas, psicolóxicas, dixitais», enfatizou Maica Ures, encargada de debullar a programación, que pode consultar ao final desta nova.
Nesa especial ollada ás violencias dixitais, o acto central será o 27 de novembro, un café debate sobre esta «violencia de xénero do século XXI». Xa no 2017 se tivo abordado na capital bergantiñá, pero dende entón moitas cousas mudaron, entre elas a existencia dunha lexislación datada do 2024, como explicou a carballesa Eva María Souto García, profesora titular de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC). Foi ela quen deu as claves deste encontro que permitirá clarificar varias cuestións: Que é o xénero? Que é a violencia de xénero? Que é a violencia dixital? Que son as deepfakes? E como se aborda todo isto dende a perspectiva do dereito penal?
Ademais da propia Eva María Souto tomarán parte neste café debate José Antonio Ramos Vázquez, profesor titular de Dereito Penal e maxistrado suplente da Audiencia Provincial da Coruña, así como Ana María Neira Pena, profesora e directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC.
Souto García agradeceu dende a biblioteca Rego da Balsa a oportunidade que esta cita do 27 de novembro ofrecerá para achegar á sociedade o traballo que se fai en universidades e centros de investigación, así como na Oficina para a Igualdade de Xénero da USC, que ten por exemplo un protocolo de acoso sexual ben definido: «Precísase un cambio social, educacional e de divulgación», afirmou, convencida do potencial do «control social informal», do que poden supoñer nese camiño as familias, os amigos, as asociacións, «máis alá da norma, que evidentemente é necesaria». Máis aínda nun contexto que a cada paso se visibiliza máis a violencia exercida pola muller polo mero feito de ser muller. Fai falta unha intervención integral.
Prácticas como o sexting, o grooming ou esas deepfakes, imaxes manipuladas con intelixencia artificial partindo dunha imaxe real, serán abordadas en Carballo. «Anticiparse coa prevención ante o pequeno evita o máis grave», afirmou a docente: «Toda canta iniciativa de divulgación nos faga saír dos despachos é moi interesante», engadiu. Dado o interese, será necesario inscribirse a través da páxina web carballo.gal.
Daniel Pérez, alcalde carballés, pechou a ronda de intervencións agradecendo a implicación das áreas organizadoras, así como a da UDC: «O 25N é un día de loita, pero a loita contra a violencia machista ten que selo os 365 días do ano. E lembrar que isto non é unha cuestión de mulleres. Os homes somos os primeiros que temos que entender que a violencia de xénero require a nosa implicación». Como Pacoret, convidou a buscar nos libros un xeito de «saír da zona de escuridade»: «Temos moito que avanzar, e máis aínda nas violencias dixitais, a última expresión dunha violencia contra a muller que leva existindo dende sempre. As Administracións, e tamén a nivel social e educativo, temos unha responsabilidade. A educación é iso que permite facer clic. Ao final todo isto é respecto. Hai moito que aprender e, na lexislación, tamén moito por regular. A lexislación sempre vai por detrás da sociedade. Fai falta nela, ademais, unha perspectiva de xénero», afirmou Pérez, avogado antes de ser rexedor.
AS ACTIVIDADES, EN DETALLE
Mércores 19 de novembro. Lúa quere viaxar a... Marte, contos con A Xanela do Maxín. Parte do programa Apego, para nenos de 3 a 4 anos. Nas Escolas Agra de Caldas, ás 17.00 e 18.30. Inscricións en carballo.gal. Unha historia que convida a romper estereotipos e roles preestablecidos.
Venres 21 de novembro. Bolboretas, con Sole Felloza, incluído no programa De landras a carballos, en colaboración con Normalización Lingüística. Para maiores de 8 anos, ás 18.00 nas Escolas Agra de Caldas. Tamén con inscrición.
Martes 25 de novembro. Narración, teatro e cinema en Cinemas de historias da man de Alice Guy, con Raquel Queizás. Para maiores de 5 anos, ás 18.00 nas Escolas Agra de Caldas. Con inscrición en carballo.gal. Tamén este 25N, na Praza ás 20.00 horas, levarase a cabo a concentración contra a violencia de xénero, con lectura de manifesto e interpretación musical a cargo do conxunto de violonchelos do Conservatorio de Música.
Mércores 26 de novembro. Nas Escolas Agra de Caldas, ás 19.00 horas, dobre presentación literaria a cargo de Ana M. Rey, carballesa: Muñeca de papel e Juego de roles.
Xoves 27 de novembro. Café-debate: A violencia dixital: a violencia de xénero do século XXI. Ás 17.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Con inscrición.
E a maiores... Formación para profesionais vinculados ao Centro de Información á Muller, talleres para alumnado de secundaria e obradoiro para mulleres usuarias do CIM.