Bota a andar en Carballo o «Apaga o candil» en libro

Patricia Blanco
P. BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCIA

Cándido Pazó presentou no Pazo a súa obra, publicada por Galaxia, e que tamén inclúe a peza «O proceso»

17 oct 2025 . Actualizado a las 20:09 h.

Non podía ser noutro lugar que Carballo, dentro do programa do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT). Botou a andar o xoves «o ronsel» de presentacións do libro O proceso / Apaga o candil, de Cándido Pazó, a súa segunda obra na colección teatral de Galaxia logo dunha primeira tamén por certo vinculada á capital de Bergantiños e ao FIOT, Fillos do sol, sobre Pondal.

O proceso, en torno a Curros Enríquez, e Apaga o candil, sobre Carlos Díaz, O Xestal, son dúas pezas teatrais de Pazó agora xunguidas, unidos ambos pola cultura popular. «Se O Xestal se soubese acompañado por Curros nun libro...», dixo Cándido, acompañado no Pazo por Xurxo Souto, prologuista; Avelino González e Toni Salgado, intérpretes da obra Apaga o Candil, iniciativa do Concello e FIOT e coprodución con Contraproducións, estreada no 2023; Xoque Carbajal, parte do elenco de O proceso, e Daniel Pérez, alcalde de Carballo.

ANA GARCIA

Souto lembrou a «emoción colectiva» vivida no seu día no festival coa estrea desta función que agora devén «literatura, negro sobre branco, felicidade, cousas ben feitas, Carballo no centro do mundo». O rexedor evocou o compromiso e humanidade de Xestal, «figura carballesa e universal», «referente»: «O Concello non pode menos que colaborar para que estas pequenas cousas que son grandes sexan posibles». Dixo tamén dúas cousas do libro presentado que aos lectores lle servirán: «É doce ao tacto e ule ben».  

Non podía ser tampouco doutra maneira que o xoves soase en Carballo Apaga o candil, coas voces presentes e Souto ao acordéon.