Areta Bolado: «Xograres e Xograresas son xente coa que eu medrei vendo teatro»
CARBALLO MUNICIPIO
Recollerá esta noite o galardón dun festival, o FIOT de Carballo, no que agarda poder actuar en breve. Pediría para a escena galega «un espazo para todas»
11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Todas as fins de semana do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, son especiais, pero esta, se cabe, un chisco máis. Hoxe, logo da función de sala programada para as 20.00 horas, o festival fará entrega dun premio xa de longa traxectoria, o de Xograr ou Xograresa de Outono. Este 2025, Xograresa. A merecedora do galardón nesta edición número 34 é a actriz, directora e dramaturga Areta Bolado (O Porriño, 1985). Ela será a primeira en recibir a nova peza asociada ao recoñecemento, encargada por Telón e Aparte dende este 2025 á creadora carballesa María Barca. Areta falou nas últimas horas en Radio Voz:
—Mil parabéns.
—Moitas grazas, moitas grazas, é unha alegría. Desexando que chegue o día para poder celebrar.
—Pillouna de sorpresa?
—Totalmente. E sorprendeume moitísimo, non o agardaba, pensaba que era unha cousa para xente moi veterana [ri]. Recíboo compartíndoo coas miñas compañeiras da compañía A Panadaría, Ailén e Noelia, por suposto.
—Falamos dun galardón que escollen anteriores xograres. E aí están dende Vidal Bolaño a Celso Parada, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño, Manuel Lourenzo e tantos e tantos outros, como o seu precedesor: Avelino González. Nada mal.
—Isto aínda o fai máis especial. Son todo xente coa que eu medrei vendo teatro, dende moi cativa. Nos meus inicios, cando na Panadaría estabamos comenzando e tiñamos dúbidas, consultabamos con algunhas destas persoas: un deles foi Avelino. E vai ser o que me entrege o galardón!
—O dos galardóns non lle é algo novo. Pero que o FIOT, o festival de artes escénicas referente en Galicia fixe a mirada en vostede...
—Para min é unha honra, un respaldo ao meu traballo, obviamente un recoñecemento, e con moitas ganas tamén de que chegue o momento de algún día actuar no FIOT. Estiven moitas veces en Carballo, actuei aí, pero aínda nunca dentro do FIOT. A ver se agora con isto xa o conseguimos [ri].
—Con A Panadaría téñennos visitado en diversas ocasións, con obras como «Pan, pan!», «Elisa e Marcela» ou «As que limpan». Premios como este significa que en A Panadaría amasaba bo teatro.
—Iso espero! Neste momento no que anunciamos a nosa disolución, no que estamos facendo xira de despedida de As que limpan, e da propia compañía, entendo tamén, como dixen antes, que este galardón que me dan a min é algo colectivo. O traballo da compañía sempre foi moi colectivo, todas as nosas creacións foron feitas en común. Entendo, pois, que é un galardón para as tres.
—Falamos dun teatro con compromiso, político, reivindicativo e feminista. Pódese facer todo iso, e saír ben. Vostede é proba.
—Rompémonos moito a cabeza para facer algo que ao final pareza sinxelo, divertido, lixeiro, pero que detrás ten un traballo rigoroso, con moito proceso de documentación. E si, intentamos aproveitar que estamos sobre as táboas, que temos visibilidade, precisamente para denunciar inxustizas e defender un mundo que para nós sexa máis xusto.
—Se o galardón trouxese un desexo, que pediría para o teatro?
—Pediría mellores condicións, menos precariedade, e espazo para todas. Para todas as linguaxes, para as que están máis nas periferias, para as artes do movemento, o circo, a maxia... Ao fin e ó cabo, unha escena máis rica na que poidamos entrar todas.
—Vostede representa unha nova xeración das artes escénicas. Hoxe é máis difícil ou doado?
—Non o sei, creo que nalgunhas cousas as xeracións anteriores, as veteranas, foron sachando, pelexando por dereitos dos que agora gozamos nós, e non só no teatro, en todo. Non sabería dicir se é máis ou menos difícil, é unha circunstancia diferente, penso que en todos os entornos laborais hai cada vez condicións máis precarias, hai situacións máis abusivas. O teatro non se libra, pero tamén é certo que o teatro é mala herba e non morre nunca.
—Que aconsellaría a quen queira dedicarse a el en Galicia?
—Facelo. Con todas as cousas que desexamos e coas que dubidamos, o importante é intentalo. Eu fixen o meu camiño, estudei na Escola de Arte Dramática, en Vigo, pero hai moitos camiños para chegar ao mundo profesional do teatro. Animo a todo o mundo que o intente, e a que ademais, se pode, busque un teatro propio e busque que é o que quere contar.
—Como se lle presenta este 2026 no que será Xograresa?
—A ver cando rematemos a xira de As que limpan. Logo continuarei aí acompañando o proceso dunha muller orquestra, un proxecto de Ailán Kendelman no que estou como cocreadora e tamén como letrista. E despois, pois todo o que veña no 2026, que seguramente vai ser algo moi novo para min.