O periodo de inscrición estará aberto dende hoxe e ata o vindeiro 12 de outubro
01 oct 2025 . Actualizado a las 20:28 h.Volve a Universidade Sénior a Carballo coa terceira edición do seu programa educativo para maiores de 50 anos. Desenvolverase entre os meses de outubro e novembro, no edificio do Fórum, e constará de tres módulos con sesións teóricas e prácticas que serán impartidas en dous días á semana por profesorado da Universidade da Coruña.
No primeiro módulo, de humanidades e ciencias sociais, abordarán temas como a dirección artística no cine (14 de outubro, con Victoria de León), as literaturas do mundo (o 15, con Elena Martín) ou a economía e os cómics (o 21, con Manuel Gómez). No segundo apartado, dedicado ás ciencias da terra e á tecnoloxía, falarase de bioinvasións en Galicia (día 28, con Sergio Rodríguez), xenética (día 29, con Gloria González) e intelixencia artificial (4 de novembro, con Álvaro Michelena).
Por último, o terceiro módulo centrarase nas ciencias da vida e da saúde e incluirá sesións sobre o cambio climático (día 11, con Salvador Fojón), as enfermidades cardiovasculares e a diabete (día 12, con Luis Saleta) e o benestar psicolóxico (día 18, con Carlos Freire).