Volve o teatro a Carballo: «Nunca foi tan grande o FIOT como o será neste 2025»

Marta López CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Presentada nun ateigado Pazo da Cultura unha nova edición do festival de artes escénicas, que se desenvolverá do 25 de setembro ao 31 de outubro

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa raíz, a memoria e a tradición por bandeira, a finais deste mes de setembro dará comezo unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro, que retornará coa intención de converter Carballo «no corazón do teatro en Galicia». Así quedou patente onte na presentación desta trixésimo cuarta edición, un acto no que participaron representantes do Concello, da Xunta, da Deputación, de Agadic e da asociación promotora, Telón e Aparte.

Será, en palabras do presidente desta entidade e director do festival, Alberto Sueiro, «o FIOT máis grande da nosa historia». Superlativas cifras avalan esa afirmación: 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, outros tantos debuts en Galicia, máis de vinte actividades complementarias, dúas coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Á capital de Bergantiños chegarán entre o 25 de setembro e o 31 de outubro compañías procedentes de tres países e de múltiples comunidades autónomas, aínda que tamén haberá unha destacada presenza galega.

Nun FIOT no que conflúen cada ano «artistas, públicos, xeracións e linguaxes», e nun FIOT no que «cada edición é un acto de amor ao teatro, á cultura e á nosa xente» —sinalou Alberto Sueiro na presentación— a memoria e a raíz serán desta banda protagonistas. Ademais da programación de sala, o festival recuncará con seccións xa consolidadas como a Rúa dos Contos, o Teatro de Rúa, as micro escenas, O Fiotiño ou o OTNI, entre outras.

BASILIO BELLO

As entradas para os espectáculos de narración oral —con contadores como Vero Rilo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O'Dogherty— estarán dispoñibles a partir do 12 de setembro, mentres que os abonos e os pases para o resto de funcións, dende o día 19 a través da plataforma en liña Ataquilla.com.

O programa de sala botará a andar o venres 3 e o sábado 4 de outubro no auditorio do Pazo da Cultura con Territorio Regueifa, un espectáculo de Ainé, coproducido polo FIOT, que afondará no espírito da improvisación oral.

Adolescencia infinita, de Pont Flotant, e Matres, de Campi Qui Pugui, serán as seguintes pezas a representar o venres 10 e o sábado 11 de outubro, xornada na que tamén se entregará o recoñecemento de Xograresa de Outono a Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría.

A programación continuará con Medida por medida, do arxentino Gabriel Chamé Buendía (venres 17); Un sublime error, con Gonzalo Cunill e Needcompany (sábado 18); Farra, do artista multidisciplinar Lucas Escobedo (domingo 19); 14.4, produción de Sergio Peris-Mencheta con Juan Diego Botto (venres 24); Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada pola gran María Galiana (sábado 25) e, por último, Vulcano, coproducido polo Centro Dramático Nacional (venres 31).

BASILIO BELLO

Unha presentación moi reivindicativa

Durante a presentación de onte, Alberto Sueiro agradeceu a presenza de institucións, público e representantes do eido do teatro antes de destacar a grandísima calidade do programa deste ano. «Nunca o FIOT foi tan grande como o será neste 2025», dixo Sueiro antes de alentar ás Administracións a abrir un debate público e elaborar un plan estratéxico das artes escénicas. «O FIOT debe estar no centro dese debate», reivindicou.

En representación da Deputación da Coruña falou Xosé Regueira, quen salientou o que para el supuxo ter disposto de teatro en Carballo. Foi, dixo, «unha lección de vida e unha aprendizaxe». Tamén pregou polo cese do xenocidio ao pobo palestino: «Por favor, non vos esquezades de Gaza», rogou.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, amosouse sorprendido pola gran cantidade de público que onte se achegou ao Pazo para asistir á presentación do cartel e destacou a colaboración entre institucións para que citas deste tipo poidan saír adiante. Así mesmo, falou de utilizar máis o galego, e de facer máis inclusivas, as artes escénicas.

Tamén estiveron na presentación a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o alcalde, Evencio Ferrero, que fixo referencia ao peso da danza no conxunto das artes escénicas. Carballo, dixo, ten o festival máis lonxevo de Galicia neste eido, «pero non queremos ser os únicos», apuntou.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Falou desta disciplina porque a presentación de onte estivo acompañada do espectáculo Un baile ceibe, producido pola compañía de danza Fran Sieira e executado polo propio Sieira, Martín Mondragón (Mondra), Aida Tarrío (Tanxugueiras) e Cristina Canosa. Ao longo da velada, fóronse intercalando discursos e fragmentos do espectáculo ata culminar nun apoteótico final no que bailarinas carballesas subiron ao palco e danzaron xunto cos catro profesionais.

Uns cantos datos deste 34 FIOT

Datas | Do 25 de setembro ao 31 de outubro.

Cifras | Corenta e cinco espectáculos, once estreas absolutas, once debuts en Galicia e dúas coproducións: Territorio regueifa e Berenguela na gaiola.

Venda de entradas | Os pases para a Rúa dos Contos sairán á venda o día 12 de setembro, mentres que os abonos e entradas para o resto de funcións, o 19: en Ataquilla.com.

Seccións | Programa de sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de rúa, FIOT en ruta, micro escenas, FIOTeen e Fiotiño. Tamén haberá residencias artísticas, presentacións, conversas, exposicións e gravacións de OndaFIOT.

Rúa dos Contos | Nomes destacados como Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Vero Rilo, Marita Martínez, Bea Campos, Joaquín Pajarón ou Alex O'Dogherty, entre outros.

Xograresa de Outono | Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría, recibirá o seu recoñecemento o sábado 11 de outubro.

Programa de sala

  • 3 e 4 outubro: Territorio regueifa (Ainé)
  • 10: Adolescencia infinita (Pont Flotant)
  • 11: Matres (Campi Qui Pugui)
  • 17: Medida por medida (G. Chamé Buendia)
  • 18: Un sublime error (Needcompany)
  • 19: Farra (Lucas Escobedo)
  • 24: 14.4 (Barco Pirata)
  • 25: Yo solo quiero irme a Francia (Contraproducións)
  • 31: Vulcano (Centro Dramático Nacional)