Marilar Aleixandre, no seu pregón en Carballo: «Chamo a ler sen tregua (...) lede con paixón»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Xa está en marcha a Plic!, a feira da creatividade cultural da capital de Bergantiños. Acompañaron tempo e vendas no arranque

11 jul 2025 . Actualizado a las 00:26 h.

O tempo foi bálsamo na primeira mañá da 19.ª Praza dos Libros de Carballo. Se na tarde do mércores acoraban na montaxe, unha leve brisa percorría este xoves os postos de par dos madrugadores compradores. Non poucos, en xoves de feira, quixeron levar para a casa algunha obra e, de agasallo, atún Calvo. Na primeira hora e media, por facerse unha idea, Libraría Brañas dispensara 15 libros, títulos sobre todo cuxos autores pasarán pola Praza ata o domingo. Dúas pezas da Banda de Gaitas liderada por Suso Moreira precederon os discursos inaugurais, nos que houbo cálido aplauso para a «recompilación poética, pero cargada de fonda mensaxe» de Marilar Aleixandre. Así foi como Evencio Ferrero, alcalde, definiu o pregón da académica e escritora.

Chocolates Mariño, os trolebuses, a ampla nómina de autores nacidos en Carballo ou vinculados a esta terra, recontados un a un, as mártires de Sofán, os corpos exhumados en Bértoa, os carballeses paseados en Arteixo... Con nome e apelidos todos eles tiveron eco na harmoniosa intervención de Aleixandre, á que se lle concedeu como desexo pan de Carballo e, como non, tamén chocolate. «Vivan as nosas libreiras!», elevou a voz, para logo contar maino que «viaxar coa imaxinación é a mellor viaxe do mundo». Paseou ela polo Monte Neme, á beira do Anllóns, a carón da Pedra da Moura, ampliou mirada nas marismas, en toda «esa beleza que Carballo atesoura». Física e inmaterial: velaí tamén a música que aquí fan. «Dende o máis alto do mastro, chamo a ler sen tregua (...) Lede libros con paixón, capital de Bergantiños!», pediu Marilar como peche.

ANA GARCÍA

Está de estrea a Praza dos Libros, e non só pola xornada inagural. A carpa para presentacións e actividades é novidosa, nova forma, lixeiro cambio de emprazamento, e un atrezzo froito da colaboración cun patrocinador que entra forte na cita, Muebles Luís. Xunto coa Fundación Luís Calvo Sanz, foron firmas mencionadas nos agradecementos, tamén extensibles a todos cantos fan posible o encontro, dende os libreiros ao público, dende o persoal de comunicación á brigada de obras ou equipo de son: «A nosa Plic!» é froito dun esforzo colectivo», asegurou a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret. Queda tempo por diante para pasear entre literatura.

ANA GARCÍA

«Ler é un acto de amor, ler en galego é amor ao que somos»

Xa cando Cé Orquestra Pantasma erguera os ánimos coa súa música, foi a edila Ángeles Pacoret quen pronunciou as primeiras palabras, a benvida este xoves: «Carballo é terra de feiras, aqui o pan sabe a casa, a horta, a resío». «Sabores e saberes construíndo comunidade», dixo. «Ler é un acto de amor, ler en galego é amor ó que somos, sen pedir permiso, sen traducir as almas», afirmou tamén. As últimas novidades literarias, tanto a nivel comarcal como galego, estarán en Carballo de par da música, a maxia ou a regueifa. «Atrevémonos a soñar», confesou Pacoret antes de presentar a unha Marilar «apaixonada das nosas letras».

ANA GARCÍA

«Que na vosa casa nunca falte un libro en galego»

Seguindo coas peticións de Marilar, Evencio Ferrero, alcalde, tivo este xoves dúas: «Que nunca falte nas vosas casas un libro en galego (...) Sexamos felices cun libro entre as mans». Gabou o pregón de Marilar como «recoñecemento a unha xeografía única que nos identifica», un orgullo que tamén se leva aos libros. «Carballo medra, e medra tamén en librarías, algo singular», manifestou o rexedor. Traen as obras ledicia e necesaria reflexión, unha Praza «exemplo do compromiso de Carballo co libro do país, coa cultura galega, coa nosa cultura e coa nosa tradición».

O PROGRAMA PARA ESTE VENRES

  • Apertura das casetas. De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00. Os libros teñen un 10 % de desconto.
  • 12.00 horas. Plan de rescate: actividade infantil de escapismo a cargo de Antía Yáñez.
  • 13.00 horas. Faladoiro «Libros do mar: a travesía editora dunha comisión de festas». Arredor de «Os doce faros da fin do mundo» e «Corpos no mar». Con Héctor Pose e Txema García, acompañados por Pedro Mato.
  • 13.00/17.00/18.30/20.00 horas. Funcións do mago Antón: 50 aniversario nos escenraios. Aforo de 70 espectadores en cada pase. As entradas necesitan reserva, de balde, na billeteira do Concello.
  • 18.30 horas. Concerto infantil a cargo de Pakolas, e presentación do seu libro-disco «Ecoralia: a lambona ecolóxica». Ata 12 anos.
  • 20.00 horas. Alejandro Otero Jamardo asina exemplares da súa obra «O cabuchón vermello», na caseta de Bibliotecas de Carballo.
  • 20.00 horas. Presentación da obra «Nós estamos ben, non?», de Ramón Vilar Landeira. Acompañan Miguel Anxo Fernán Vello e Xosé Ameixeiras. Máis información na páxina 8.
  • 21.00 horas. Presentación do libro «Asasinato na Casa Rosa», de Arantza Portabales. Acompaña a tamén escritora Marta Villar.