Rober Cagiao: «Sen apoio dos libreiros, os autores non seriamos nada»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A obra «A dama de Anboto» está sendo un fenómeno. Asinaraa na Praza dos Libros de Carballo, que bota a andar hoxe mesmo co pregón de Marilar Aleixandre

10 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A traxectoria literaria de Rober Cagiao —tamén Rober H. L. Cagiao— é un pouco heavy metal, como o é tamén o seu camiño musical, no que figuran dous discos con Trashnos. «Si e non» ten agora apartada a música, porque certamente «nunca se deixa» e nos libros tamén está. Cagiao (Bañobre, Miño, 1976) é en realidade un diplomado en Ciencias da Educación que nunca chegou a exercer como tal. «Tiña un pai con certa présa por que traballase [ri], así que me metín nun supermercado e aí quedei xa 17 anos. Ata o 2019, que tiven un accidente nun pé. Foi cando comecei a escribir». Sempre lle gustara.

Non o fixo con máis pretensión que brindar algunha obra a amigos e familia, mais a verdade é que, dende aquel 2019 ata hoxe publicou xa quince novelas de misterio, de xénero negro, todas con ambientación principal en Galicia e a maioría, por vontade propia, como autoedición. Non é o caso de A dama de Anboto (Calacán), a obra da que asinará exemplares este vindeiro domingo (20.00 horas) na Praza dos Libros de Carballo.

De todo isto falou Cagiao onte en Radio Voz, no espazo literario conducido pola libreira e blogueira Belén Edreira, quen lle puxo cifras ao fenómeno da Dama de Anboto: «O libro saíu o 2 de xuño. Nós na libraría, primeiro como Punto e Coma e agora como Clarión, levamos case oito anos. Neste tempo, el en só un mes está de número un no ránking de libro máis vendido na libraría. Levamos 130 exemplares e aínda acaba de saír! Como se vai perder alguén esta presentación, este libro está arrasando!».

Ten tamén versión en castelán (La dama de Anboto, editorial VR Europa) e suporá para Cagiao volver a unha terra que quere ben, Carballo, logo de que xa participase na Praza dos Libros do 2024 co seu Entroido chegado despois do fenómeno da saga El guardián de las flores. «Encántame Carballo, non é nada novo. A xente da biblioteca é marabillosa, e as libreiras de Carballo, as mellores do universo (...) Eu podo ter o pequeno mérito de escribir o libro, pero sen o apoio dos libreiros non seriamos nada».

A dama de Anboto en galego xa tivo que ser reimprimida e preparan segunda edición. «Unha novela escura con forza de muller, unha historia onde o misterio se mestura coa mitoloxía vasca, coa memoria familiar e co lume que deixan os traumas cando non se curan (...) Unha trama de voltas, forza e dor. Unha narrativa sen tregua, que engancha dende o comezo, e ademais emociona». Así falou Edreira desta obra que transcorre a cabalo de Portomarín e Euskadi, con ese personaxe, a figura Mari, que tanto significa para o pobo vasco. Achegouse a ela Rober subindo á Montaña de Anboto: tamén é afeccionado ao trail. Convidou na radio a mercar libros en galego, e a Plic! de Carballo será unha oportunidade. Nela, el é do máis agardado.

O programa da Plic!, hoxe

Horario das librarías. Dende hoxe ata o domingo, os postos das librarías abrirán de 11.00 a 14.00 de 18.00 a 22.00 horas. Participan Á lus do candil (Arteixo), Brañas Verdes (Carballo), Trasgo (Carballo), Teldy (Carballo), Clarión (Carballo), Espiral Maior Foro (Carballo), A gata tola (Santiago) e Espazo Lector Nobel (Carballo). Durante a feira haberá un 10 % de desconto nos libros e tamén opción a levar centos de premios, algo a sumar ás latas de atún e bolos de pan que se entregarán con cada compra hoxe e domingo pola mañá, respectivamente.

ANA GARCÍA

11.00 horas. Comezo da Praza dos Libros. Durante toda a mañá, «Libros con atún»: todas aquelas persoas que merquen libros seán agasalladas cun paquete de Conservas Calvo. Haberá ademais animación na feira, pasarrúas con Cé Orquestra Pantasma.

12.30 horas. Inauguración oficial co pregón a cargo da académica e escritora Marilar Aleixandre. Actuará a Banda de Gaitas de Carballo.

18.00 horas. Conservas O Noso. Taller a cargo de Miguel Casado Freire. Para público infantil.

19.00 horas. Sinatura de exemplares de «As bocas cosidas», a nova novela de Marilar Aleixandre. Estará na caseta de Bibliotecas de Carballo. A esta mesma hora, para público infantil, haberá xogos populares a cargo de Os Biosbardos. Libre participación.

Carlos Rego
Carlos Rego Santi M. Amil

20.00 horas. O autor Carlos Rego presenta a súa obra «Bibiano. Cambiar para ser un mesmo», acompañado por Xabier Graña. Di a sinopse que «a intención primeira deste libro é rescatar do esquecemento o Bibiano músico».

PACO RODRÍGUEZ

21.00 horas. O escritor Suso de Toro pechará esta primeira xornada da Plic! coa presentación da súa obra «Conta, Sherezade», e farao acompañado por Mercedes Queixas. Na obra, a literatura como protagonista da novela, e ata xeito de entender o mundo.