Xuño bis ou día da marmota

Rubén Lorenzo TRIBUNA ABERTA

CARBALLO MUNICIPIO

05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta, cando menos, curioso que o calendario anual que edita o Concello de Carballo e paga, por certo, con cartos públicos, repita por erro o mes de xuño, mes das festas grandes do San Xoán.

Semella que nun lapso freudiano, deses que derivan do subconsciente, o goberno local gustaría de permanecer en festa e tempo libre canto máis tempo mellor.

E non estamos a renegar das nosas festas, todo o contrario, consideramos que reforzalas e mimalas non consiste en perpetualas por dous meses, mais si en poñer todo o empeño en que recuperen o seu esplendor, o mesmo que precisa a nosa vila de Carballo.

Esta anécdota, que reflicte o pouco esmero no que se fai, en temas puntuais, convértese nun feito que denota a neglixencia que repercute noutros temas importantes e de maior impacto na vida das e dos carballeses. Estamos a falar do mal estado nos parques infantís, do abandono das parroquias, do caos na mobilidade de Carballo, a teima por non abrir a Vila de Negreira, a promesa incumprida dende hai máis de seis anos do edificio de entidades sociais, a reforma do Pazo da Cultura ou a da nosa descoidada praza do Concello.

Neste curso, dende o concello, decidiron ser hiperactivos en redes sociais, decidiron, por fin, trala petición ignorada de anos, retransmitir as sesións plenarias, pero por moito esforzo posto nas tecnoloxías, non poden pretender agochar a inacción real. Baixo unha sobreactuación virtual, nunha sorte de venda de fume, nada muda nos problemas que dende anos se acumulan en Carballo.

Confiamos en que, agora que o señor alcalde vai desfrutar da súa xubilación como mestre, pense se será tamén o momento de xubilarse como rexedor municipal, porque o que non se fixo en 22 anos non se vai facer agora, por arte de maxia, un coello que sae da chistera.

Dende o grupo municipal popular, iremos no mes que corresponda, de aquí a maio do 2027, sen demora, denunciando o abandono de certos temas, pero tamén facendo propostas en positivo para devolver a Carballo a posición de cabeceira de comarca, que endexamais debeu perder.