A estrea do Escenario Magnolia, un «acerto» no mediodía do Rockin', que gañou público

P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O rock deste sábado deixará paso aos ritmos cubanos de Son de Camagüey, esta noite na Praza

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non hai, por causas naturais, Escenario Palmeira, mais a estrea do Escenario Magnolia, no Parque do Anllóns, foi onte todo un «acerto» para a sesión vermú do festival Rockin’ do San Xoán de Carballo. Así o sinalaba dende a comisión Daniel Barreiro: «Máis xente ca outros anos, unha localización espectacular e moitas ideas novas de cara ao ano que vén». Contaba isto a primeira hora da tarde, facendo convite para os concertos da noite, que retornaban este 2025 á Praza do Concello, e aínda co bo sabor de boca que deixaran Eleanor Friedberger e Bee Dee Kay Drives The Ufozz.

«Unha clase de indie pop das que xa non quedan», dicía Barreiro sobre a primeira. Non peores palabras, dende logo, tivo para Bee Dee Kay: «Un espectáculo, el só pode mover un festival sen ningún tipo de problema». Prestou o fermoso e agradable mediodía nesta 15.ª edición dun festival consolidado nas festas patronais. Para a noite quedarían, por esta orde, Las Petunias, Temples, Limboos e 10 KR. Promoven as áreas de Cultura, Festas e Mocidade.

Ritmos cubanos con Son de Camagüey e verbena coa París de Noia esta noite

Logo do de Sidonie, e á espera de que chegue Ariel Rot, a Praza do Concello de Carballo acollerá esta noite o segundo dos tres grandes concertos deste San Xoán 2025, o de Son de Camagüey. Sonoridades actuais de Cuba que subirán ao escenario de man de 13 artistas, unha actuación programada para as 20.30 horas, de balde. Será unha das citas centrais da noite, pois a outra estará na zona Rego da Balsa, verbena a cargo da orquestra París de Noia dende as 22.45 horas en adiante.

Antes de que o sol se vaia, non obstante, as patronais de Carballo traerán outro goce. Para empezar, de 11.30 a 13.30, haberá no mercado unha degustación de petiscos de San Xoán. Á mesma hora chegarán os primeiros pasarrúas deste ano, co grupo de gaitas de San Campio de Cances e o grupo de gaitas de Arume de Verdillo. A charanga ACDC encargarase de levar a festa ás rúas a mediodía, xirando dende as 12.00.