Fernández Pensado: «A raíz do que vemos hoxe foron as Vellas de Mens»
CARBALLO MUNICIPIO

Manel de Aturuxo presenta mañá no Casino carballés a súa obra «As Vellas de Mens», un dos libros centrais destas Letras Galegas
13 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá • 12.30 horas • Tiña gana José Manuel Fernández Pensado (Porto do Son, 1946) de presentar As Vellas de Mens en Carballo. O seu, publicado por Galaxia e xa recuncando en edición pola boa acollida, é un dos libros destas Letras Galegas 2025 dedicadas á literatura oral a través da figura das cantareiras. Sabe que Bergantiños, e por tanto Carballo como capital, é referencial neste eido, así que agradece a calidez brindada polo Casino 1889 e polo seu presidente, Víctor Lorenzo. Será neste histórico espazo onde Fernández Pensado, presidente de honra da Agrupación Folklórica Aturuxo, presente mañá o seu libro: 12.30 horas. Estará acompañado por Manuel Rico Verea e Xosé Manuel Varela: «Manuel, ademais de musicólogo, é un especialista en temas de cancioneiro, un home moi versado, moi culto, con moito coñecemento. E Xosé Manuel Varela xa é ben coñecido na zona, alma máter en todo o que ten que ver coa cultura en Bergantiños», afirmou Manel en Radio Voz.
Todo aquel que o desexe poderá achegarse a esta presentación que tamén ten a singularidade de facerse no pobo que lle rendeu unha das últimas homenaxes en vida ás Pandeireteiras de Mens que aínda vivían naquel 2015. Foi na Romaría do Gaiteiro da asociación San Cristovo. Precisamente en representación delas, xa moi maiores, acudira Manel: «Fun encantado».
Prudencia e Asunción Garrido, Manuela Lema e Teresa García Prieto son as catro Vellas de Mens elixidas pola Real Academia para a homenaxe deste 2025. Adela Rey e Teresa Lema non cumprían o requisito de levar dez anos falecidas, mais todas integraron aquilo que marcou «un antes e un despois» no xeito de concibir o folclore galego. Pode saberse máis delas coa exposición que Aturuxo ten aberta no centro cívico de Malpica, ata o día 15 deste mes. «De non existir as de Mens, coido que non se lle tería dedicado as Letras a ningunha en concreto. A raíz, a base, a xénese de todo o que estamos vendo agora [fala do rexurdir de grupos que toman a tradición como fío] vén de aí, das Vellas de Mens». E elas como tal, lembrou, non serían o que foron sen a Agrupación Folklórica Aturuxo, na que botaron vinte anos de xira. Tampouco sen o director Manuel Cajaraville. «Tamén a el lle rendemos o 7 de xuño unha homenaxe en Negreira, presentado non só esta miña obra senón unha reedición facsímil do seu libro Debullando folklore. Púxose en valor o seu traballo en todo isto», explicou Manel.
Ten na memoria a primeira presentación de As Vellas de Mens na Coruña, multitudinaria, mais tamén lle chegou ao corazón a do Museo do Pobo e agarda con moita ilusión a que se fará en Mens, probablemente o 26 de xullo, coincidindo coas festas do Apóstolo. Non puido ser no día programado polo falecemento dunha familiar das homenaxeadas. Tamén será especial a cita no seu Porto do Son natal, alá para o mes de agosto. Volve alí cando menos dúas veces ao mes: «É un lugar fantástico».
Xa pasou Manel por ben vilas coa súa publicación e aínda lle queda camiño nunhas Letras que, para el, están «batendo todos os récords de expectación e actos». Quen queira coñecer a extraordinaria historia de como unhas mulleres labregas xa entradas en anos conseguiron xirar polo mundo coa súa pandeireta, xa sabe: mañá, en Carballo.
Ademais das de Mens, a RAG elixiu os nomes de Rosa e Adolfina Casás Rama (A Vila da Igrexa, Cerceda) e de Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía), como homenaxeadas este 2025.