Arume xa conta os días para o seu 43.º Albaroque

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Será os días 6 e 7 de xuño. Cartel e programación presentáronse este venres no Xardín das Cereixas

23 may 2025 . Actualizado a las 21:36 h.

Non puido ser o día da Ruada pola choiva, mais si este venres. Cantaron Mandilín. As pandeiretas —tocadas por nenos e nenas— volveron soar no vello Xardín das Cereixas de Berdillo para acompañar a presentación do cartel e programa do 43.º Albaroque, un fin de curso do máis especial que manteñen en pé as asociacións xuvenil e cultural de Arume.

O lema deste ano, Agora e sempre, fai alusión a que continuarán por moito máis. No que respecta ao cartel, apuntou Belén Mato, e estando estas Letras 2025 dedicadas ás cantareiras, non podía ser doutro xeito. Figuran nel dúas cantareiras, unha maior, outra máis nova, unión de xeracións, pasado e futuro, miradas entre o un e o outro. É obra de Paula Mayor. «Para nós o Xardín das Cereixas é ilusión, comunidade, pertenza, o mesmo que significa o Albaroque», dixo Mato antes de detallarse o programa, co que colaboran Fundación Luís Calvo, Deputación e Concello. «É moi bonito como gardades a tradición», expresou do seu lado Maruxa Suárez, edila de Cultura. «Arume é un exemplo de bo facer e de compromiso. Vemos aquí futuro para algo que nos representa e simboliza, a música tradicional», apuntou pola súa banda o alcalde, Evencio Ferrero.

O programa

Venres 6: Xogos populares para os nenos, con entrega de premios ás 20.30 horas.

Sábado 7:

  • 11.00. Escola de Música e Baile Tradicional de Arume.
  • 13.00. Cantos de Taberna de Arume.
  • 13.15. Coro Aires de Bergantiños.
  • 13.30. Sesión vermú coas Escolas de Bailes Latinos de Arume Xuvenil.
  • Xantar: «Sardiñas, pan e viño», un convite para todos os que queiran.
  • 17.00. Albaroquiño co mago Álex Louzao, talento que viron medrar.
  • 18.00. Exhibición ximnasia rítmica.
  • 18.30. III Son Pineiro: charanga de música tradicional Benofán (Calo).
  • 20.00. Tardeo con O Tren da Unha.

*Deu a coñecer o programa María Esmorís, presidenta de Arume Xuvenil.