Volve «Que rule! Que rule», a campaña máis agardada do CCA

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Case 60 comercios repartirán dende hoxe vales para a ruleta por cada compra. O gran día será o 7 de xuño

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ten descanso a actividade do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo. Ás portas da primeira edición de BioSaúde, esta vindeira fin de semana, hoxe mesmo a entidade dará por iniciada «a campaña máis esperada da primavera». Volve, por sexto ano, Que rule! Que rule!, iniciativa para premiar a fidelidade da clientela do comercio local. Todas as persoas que merquen en calquera dos preto de 60 comercios participantes na campaña recibirán un boleto ou vale grampado ao tique, e con el poderán probar sorte nunha ruleta chea de agasallos. Cada vale garantirá unha tirada nesa ruleta que estará situada na Praza do Concello, o sábado 7 de xuño, en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. As bases contemplan que non se permitirán máis de tres tiradas consecutivas.

Entre os premios, regalos directos e tamén experiencias, que poden pasar por ceas, almorzos, sesións de piscina terma, surf ou pádel, limpezas bucais e mesmo degustacións varias. Todos os boletos non premiados, doutra banda, poderán entrar nun sorteo final de cinco cheques de cen euros cada un, para consumir nalgún dos preto de cen establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto de Carballo (CCA). Que rule! Que rule! é unha campaña que conta coa colaboración de máis de 70 empresas locais e co apoio da Fundación Luís Calvo Sanz, así como do Concello de Carballo —a través do departamento de Promoción Económica e Turismo—, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Avánzase para o día 7 «unha xornada festiva e chea de ilusión».

Conta atrás para a primeira edición de BioSaúde na Praza carballesa

Sábado e domingo • Mar Caamaño Cambón, terapeuta holística, e Miriam Amado, graduada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, son as últimas incorporacións ao programa da primeira edición de BioSaúde, iniciativa do Centro Comercial Aberto que este sábado e domingo fará da Praza do Concello de Carballo «un espazo de encontro para a saúde, o benestar e o respecto pola natureza». Os que se acheguen poderán acceder a unha zona de expositores con variedade de produtos, mais tamén a faladoiros, a talleres e mesmo á segunda edición da Pequefeira. Houbo que pospoñer esta cita o pasado 10 e 11 de maio, a causa do mal tempo, mais por fin poderá ser esta feira temática arredor do consumo responsable, os hábitos saudables e o coidado do medio ambiente. Para máis datos ou para inscrición nos encontros: info@ccacarballo.com.