«Hoxe festexamos moito máis ca un premio, festexamos talento e palabra»
CARBALLO MUNICIPIO
La Voz entregou en Carballo os galardóns dos seus oitavos Contos de Primavera
14 may 2025 . Actualizado a las 13:28 h.Vai ser difícil saber se foi por causa do esconxuro que onte se botou —Deuses do Pindo, traede o bo e que todo o malo vaia indo—, pero o caso é que a antiga sonda soviética Cosmos 482 non impactou na Costa da Morte, senón que caeu este sábado no océano Índico. Lanzada en marzo do 1972 para explorar Venus, estivo perdida na órbita terrestre durante máis de medio siglo. Semella conto, mais é verdade. Xunto co valor do cuarzo, foi parte do que este sábado se lles contou aos asistentes ao acto de entrega de premios do oitavo certame literario Contos de Primavera. «Grazas é a palabra que teño que dicirvos a todos. Para min é un fito cada mes de maio estar de novo convosco e apreciar todo o que descubro cada vez», expresou Xosé Luís Vilela, director de La Voz.
Contos de Primavera é un certame promovido por este xornal, xunto con Radio Voz, e co patrocinio do Grupo Calvo, de aí que a sede da conserveira, en Carballo, fose o punto de encontro.
De alí saíron os rapaces premiados con moitos parabéns, mais tamén profesorado, familias, Fundación Luís Calvo e organización, recoñecidos todos no seu papel. O concurso «pon en valor a nosa contorna máis próxima, a nosa realidade máis cotiá e sobre todo a lingua, o patrimonio máis importante que temos», apuntou María Xosé Martínez, xefa do departamento de Lingua e Literatura Galega do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. Del chegaron este ano catro dos contos premiados, tamén o gañador. Non hai segredo, dixo, hai «traballo» e alento para os estudantes.
Foi o de onte día de reencontros. María Xosé era no seu día alumna de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, quen tamén tivo como pupilo en Coristanco a Juan García, alcalde da terra da pataca. Fíos que une a docencia e que vai entretecendo un certame que Ferrero ve «extraordinaria iniciativa que honra esta terra».
«Hoxe festexamos moito máis ca un premio, festexamos talento, palabra. Non teño ningunha dúbida de que na Costa da Morte hai talento», apuntou unha «orgullosa» Mónica Rodríguez, como veciña, alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial: «Celebramos a certeza de que a nosa cultura está viva».
A Severino Álvarez, xefe territorial de Cultura, non lle estraña que «nunha terra de castros, dolmens, lendas, tradición e cultura material e inmaterial» nacera semellante capacidade de «crear, contar contos e narrar historias». Desexou el para este certame «mil primaveras máis». Outras tantas, seguindo coas verbas de Cunqueiro, para as Letras e para a lingua.
Foi o de onte un acto sentido «no corazón de Conservas Calvo», en palabras do conselleiro do grupo José Martínez: «Pretendemos estar con todas as cousas boas que acontecen no noso Carballo, ser unha empresa viva que está coa vida. Estes rapaces son o noso futuro. A literatura e a facultade de escribir e de expresar os sentimentos é a canle para mellorar as persoas».
Primeiro premio. Hugo Barca, alumno do CPI Alcalde Xosé Pichel, mereceu o primeiro posto co texto «A lenda da moura». Na imaxe, recibe os seus agasallos de Xosé Luís Vilela, director de La Voz. A Hugo díxolle o xefe territorial de Cultura que nin Bécquer, aínda querendo inspirarse nesta terra, describiría o que el describiu, esa «néboa baixando entre os piñeiros como un segredo antigo».
Galardoados. Ademais de Hugo Barca, foron Daniela López (CPI O Cruce), Mencía de Vicente (IES Terra de Soneira), Hugo Aldao (EFA Fonteboa), Noa Trasmonte (CPR Manuela Rial), Mario Álvarez (Manuela Rial, non puido acudir), Grecia Helena Neira (IES Eduardo Pondal), Sabela Villar (Alcalde Xosé Pichel), Martina Lorenzo (X. Pichel) e Amanda Huiban (A. X. Pichel).
Cantareiras de Verdillo. As súas ferreñas resoaron nos corazóns. Voces, pandeiretas e tremenda potencia en tres temas: «Muiñeira de Nétoma» ao inicio e «Maneo de Sísamo» e «Xota de Rodeiro» para pechar. Non puido estar Belén Mato, mais si as dúas Margas, Cris, Tania, Soraya e Noelia. O tempo dirá se onte saíron de Calvo con segundo disco asegurado.
O xurado. Tamén para eles houbo ao longo do acto agradecementos varios. Un traballo nada doado, con case 60 textos de altísima calidade. Na imaxe, tres dos membros, José Antonio Viña, Santiago Pazos e Fernando Cabeza Quiles, recollen un detalle da man de Vilela. Tamén integraron o xurado Xosé Ameixeiras e Patricia Blanco.