Cámara Agraria

X. Pampina

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

02 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte lin neste xornal, e con indisimulada satisfacción, que o adefesio do edificio da Cámara Agraria de Carballo ten os días contados. Á fin seique lle van aplicar piqueta, ou dinamita, que merecer merécea polo impacto negativo que produce nunha zona que máis ou menos vai adquirindo un ton urbanístico de certo xeito, pouco a pouco, todo hai que dicir. Xa era hora, pois, de que saquen ese inmoble inútil e ruinoso da vista da xente que vive ou que pasa pola Milagrosa. O que me deixou aberto do peito é que tivese que intervir e interceder o voceiro do partido da oposición, á vez que deputado no Parlamento Galego, para que tal medida se leve a cabo. Se non fora pola súa transcendental intervención, igual haberían que pasar anos, decenios ou incluso esperar outro cambio de século ata que deran con esa masa de formigón, cascotes e humidades no chan. É, de vez, unha xestión intrépida, áxil e dificultosa a que ten levado a cabo para conseguir un fin tan loable. Hai veces que un ve que a política si que serve de algo. Poñer fin a unha situación tan enleada e tan dificultosa. De feito, o logro era tan complicado que pasaron anos e anos intentando que ese edificio fose derruído que non había maneira de conseguilo. Puxésese como se puxese o Concello. Dixesen o que dixesen os veciños. Viran o que visen os turistas. Ese inmoble parecía protexido por algún espírito ou man secreta que o defendía contra quen fose o que quixese destruír a súas paredes. Así, pois, carballeses, bergantiñáns e galegos debemos estar felices e contentos porque, por fin, se vaia tirar ese inmoble. Na Milagrosa xa teñen outro motivo de rexouba para o entroido.