
Son Xanel Vecino, Karina Pombo, Manuel Rey, Lara Pallas, Manuel Gundín e María Vidal. Intervirán do 19 ao 21 de maio
27 abr 2025 . Actualizado a las 00:23 h.Do 19 ao 21 de maio • A segunda edición do festival Pint of Science Carballo xa ten os seus nomes protagonistas desvelados. Xanel Vecino, Karina Pombo, Manuel Rey, Lara Pallas, Manuel Gundín e María Vidal serán os seis investigadores carballes —ou vinculados a este municipio— que participarán na iniciativa. O festival Pint of Science, cabe lembrar, é un evento internacional de divulgación científica que propón un encontro entre profesionais da ciencia e o público. Onde? Por aí vén o singular: nos bares. Carballo será un dos 79 concellos de toda España que encherán os locais hosteleiros de saber, e todo isto será os días 19, 20 e 21 de maio, con quedadas ás 19.30 horas. As sesións, non só en España, senón tamén en máis de vinte países do mundo, celebraranse de xeito simultáneo.

Día a día
19 de maio: Arrincará o Pint of Science Carballo no bar do Pazo da Cultura, e farao con Xanel Vecino e Karina Pombo. Xanel (Universidade de Vigo) é enxeñeira química e centra a súa investigación actual na revaloración e na transformación sustentable de residuos e materias primarias secundarias en productos de valor engadido: ten cinco patentes. Karina Pombo (University of Oxford) é doutora en Ciencias Naturais e Químicas, e na actualidade dirixe un laboratorio na cidade británica.
20 de maio: O encontro deste día será no Oito Bar, con Manuel Rey e Lara Pallas como protagonistas. Manuel Rey, graduado en Xornalismo, traballa no eido da comunicación científica na USC, actualmente no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. Pallas, pola súa banda, é enxeñeira informática en fase de tese doutoral, orientada á astrofísica computacional.
21 de maio: Será no bar Ranqui, con Manuel Gundín e María Vidal. El é doutor en Física e centra a súa investigación no campo da óptica cuántica, traballando actualmente no grupo de Hugues de Riedmatten no Instituto de Ciencias Fotónicas de Barcelona (Ifco). Vidal, finalmente, é doutora en Bioloxía e técnica superior de Investigación do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago. Cabe matizar que Vidal non é carballesa, pero foi convidada polo Concello a este encontro de ciencia posto que é «unha das persoas que máis sabe sobre a píllara das dunas». E a píllara ten o seu refuxio en Baldaio.

Organización municipal e colaboración de La Voz
As charlas previstas nesta segunda edición do festival Pint of Science, ao igual que o ano pasado, estarán abertas a toda a cidadanía que desexe acudir. Son gratuítas, ata completar a capacidade dos locais que as acollerán. Seguindo a metodoloxía do ano pasado, entre intervención e intervención haberá xogos e sorteos entre o público. No que respecta ao equipo organizador do Pint en Carballo, este está integrado por Iván Andrade, Verónica Bolón, Jorge Cebey, Daniel Barreiro e Cristina Abelleira. Organiza o evento, directamente, o Concello de Carballo, o que o converte nun caso único e singular entre as 79 sedes españolas que terá o festival.
Para poder levalo a cabo, o Concello carballés acadou para o Pint of Science o patrocinio da Fundación Luís Calvo Sanz, unha vez máis implicada coa vida cultural da vila, e do Centro Comercial Aberto (CCA). Tamén colaborarán na iniciativa de divulgación científica a empresa Bodegas Carballo e este mesmo xornal, La Voz de Galicia.