
Andaba onte bastante xente comentando polas redes o caso da discoteca El Bosque, en Cecebre, que foi moi visitada hai anos por xente da Coruña e arredores. E facíano tras a reportaxe que evidenciaba o seu abandono. Como o de tantas. Porque isto é algo cíclico, constante. Aquí pasa moito coa Revolta de Carballo, que debe de ser o caso paradigmático do que foi e o que é, xustamente a uns meses de que se cumpran os 50 anos da súa inauguración. Era tan grande e peculiar (o arquitecto é o mesmo da igrexa de Carballo e do Concello), tivo tanta xente, e vese tanto a diario polo sitio no que está, que é normal recorrer á memoria con ela unha e outra vez. A parte de atrás, por certo, semella un campo de guerra dende hai anos: leváronlle ata o tellado, e ademais pouco a pouco.
Non vou aquí enumerar todas as salas que houbo e como están agora porque no hai sitio e ademais está moi relatado. Pero pasa sempre que as lembramos porque nelas fomos novos, namorados e desenamorados, felices ou algo parecido, e iso claro que se bota de menos. Non ocorre o mesmo con sanatorios ou tanatorios, por poñer un caso. E cada un ten o seu lugar icónico. A Dudas de Baio, por exemplo. Nesta segue o cartel, entre o verde claro e escuro. No lo dudes, ven a Dudas. Onde vai. O simpático é que o día forte era o domingo á noite, así que a cousa podía rematar ás catro da mañá. E o luns había que erguerse. No Finisterre cara o instituto de Carballo iamos algúns durmindo, e os que traballaban non sei como facían. E bebíase moito, e fumábase. Eses cambios si que me impactan, e non os abandonos.