Historia, arquitectura e sociedade: a cita deste sábado no Casino de Carballo 

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Unha conferencia do historiador Xan Fraga no Casino de Carballo, en imaxe de arquivo
Unha conferencia do historiador Xan Fraga no Casino de Carballo, en imaxe de arquivo ANA GARCÍA

Será ás 12.00 horas, un dos actos centrais do centenario e con conferenciantes de primeiro nivel 

04 abr 2025 . Actualizado a las 14:52 h.

O Casino de Carballo iniciará esta tarde cun recital poético unha intensa fin de semana de actividades. Entre elas, para este sábado 5 de abril ás 12.00 do mediodía, cabe destacar un encontro que leva por título O Casino de Carballo: historia, arquitectura e sociedade. Con conferenciantes de primeiro nivel, será un dos actos máis destacados do centenario, e permitirá abordar o contexto histórico, urbanístico e arquitectónico das sociedades culturais e recreativas tales como Casinos, Liceos, Ateneos, Cafés, Círculos... É nese ámbito no que se poñerá en valor a importancia do Casino de Carballo, tratando tamén a representatividade e os valores deste centenario edificio no urbanismo e arquitectura da época. Obviamente, tamén haberá tempo para falar da situación actual e do futuro destas sociedades. 

O encontro está pensando para desenvolverse na modalidade de charlas-coloquio duns vinte minutos de duración, cun coloquio-debate final para que o público faga as preguntas ou apreciacións que consdiere. Désirée Domínguez Pallas (Carballo, 1978), licenciada en Historia da Arte e directora do Arquivo Histórico da USC, serán quen modere o encontro, no que intervirán: 

  • Patricia Cupeiro López, profesora axudante e doutora da Historia da Arte. A súa sesión será O casino de Carballo: unha arquitectura para o lecer, un patrimonio centenario. Analizará contexto histórico e artístico do edificio. 
  • Fernando Franjo Franjo (Monforte de Lemos, 1963). Licenciado en Xeografía e Historia. O papel dos Casinos en Galicia: o exemplo de Santiago será a súa intervención, na que abordará os centros recreativos no contexto histórico e social da Galicia de mediados do XIX e a súa evolución no século XX.
  • Xan Fraga Rodríguez (Carballo, 1958). Profesor, historiador, escritor. No seu tempo, baixo o título de Asociacionismo carballés: do Bergantiños FC ao Casino, falará de asociacionismo, urbanismo e arquitectura, centrándose no caso de Carballo e en dúas institucións centenarias da vila: o Bergantiños FC e a Sociedade Cultural e Recreativa Bergantiños.