«Catro cousas», o dó amoroso mutado en arte con Tucho Caamaño

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

O artista plástico carballés inaugurará exposición o domingo 23 de marzo, no Estudo Garabato. Doutro lado, prorrógase o tempo de apertura da de Loli España 

13 mar 2025 . Actualizado a las 09:39 h.

23 de marzo • A quen siga algo a música galega actual seralle difícil ler as palabras Catro cousas sen asociarlle ritmo de pasodobre. O tema de Caamaño & Ameixeiras e Rodrigo Cuevas impactou tan forte que ata serveu de inspiración para que un artista plástico carballés, Tucho Caamaño (Santiago, 1998), graduado en Belas Artes, a tomase como inspiración para crear unha exposición homónima, Catro cousas, «unha exploración pictórica do amor e da perda». Nesta proposta, como el mesmo avanza, canaliza o dó emocional dunha ruptura e propón unha reflexión sobre a fraxilidade e capacidade sanadora da arte.

É o traballo «máis íntimo e persoal» de Tucho, e inaugurarao o vindeiro domingo 23 de marzo, ás 12.00 horas, no Estudo Garabato de Carballo. Estará acompañado polo artista Mon Lendoiro e tamén pola música de Rocío Bello. «Catro cousas é unha exploración da complexidade do amor e da perda, unha viaxe emocional que percorre o camiño inevitable dunha ruptura amorosa», concreta. Amar e non ser amado, querer e non ser querido é o verso central da canción de Caamaño&Ameixeiras e Rodrigo Cuevas que Tucho Caamaño toma como fío nese proceso de recuperación, rompendo «con esa mirada nostálxica ao pasado». «A arte —reflexiona— é tamén un xeito de soltar, como canta Antía Ameixeiras: Cantando tomei amores, cantando os olvidarei». Acceso libre. 

ANA GARCÍA

Prorrogada a mostra «O son do nordés»

O Concello de Carballo vén de informar da prórroga do tempo de exhibición da mostra O son do nordés, da artista plástica Loli España, moi vinculada á vila. Estaba previsto que rematara xa o vindeiro 28 de febreiro, pero aínda se poderá visitar uns días máis no andar -1 do Pazo da Cultura, entre as 17.00 e as 21.00 horas. Organiza a concellería de Cultura. Tamén no Pazo, pero na sala Alberto Gende, no terceiro andar, están expostas as obras premiadas na 18.ª edición do Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado, organizado pola Deputación da Coruña, un referente no eido da imaxe. Este ano a serie Alén, de Vicente Fraga, foi a gañadora do certame. Visitas de luns a sábado, de 17.00 a 21.00, ata o día 18.