O valenciano Alberto Montero abrirá o Curruncho Pop de Carballo este sábado

La Voz

CARBALLO MUNICIPIO

Volve á biblioteca Rego da Balsa este ciclo que xira en torno á simbiose da música e a literatura

14 feb 2025 . Actualizado a las 00:59 h.

Sábado • Curruncho Pop é un nome que xa ten identidade propia dentro da programación cultural de Carballo. Vai pola súa novena edición e retornará á biblioteca Rego da Balsa a partir de mañá, «consolidado como unha referencia cultural novidosa e orixinal, na cal as propostas musicais, en ocasións en formato inédito, xirar arredor dun referente literario», segundo dá traslado o Concello. Curruncho Pop é unha proposta da área de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística que ten apelado a esa simbiose música-literatura a través da presenza de artistas internacionais (Richard Lloyd ou Birds Are Indie, por exemplo) e tamén de consolidados músicos do panorama estatal, galego e mesmo local (Diego Vasallo, Elena Setién, Víctor Coyote, Hendrik Röver, Emilio José, Rafael Berrío, Chicharrón, Psychofonía...). Alberto Montero, valenciano, acompañado pola súa banda, será o encargado de abril o cartel nesta ocasión. Farao mañá mesmo, para presentar o seu novo disco, Ciudad dormida, sendo ademais o único concerto que ofrecerá este 2025 en Galicia: a partir das 20.00.

Logo virán:

  • Sábado 15 de marzo. Ás 19.30, presentación do libro The Byrds: Más jóvenes que ayer, de Fernando López, e concerto de Os Birdiños.
  • Sábado 26 de abril. Ás 19.30, presentación do libro The velvet underground, de Rafa Cervera, con Pedro Granell e concerto de Os veludos soterrados.
  • Sábado 24 de maio. Ás 19.30, presentación do libro Lux and Ivy: una cita con los Cramps, de Juanjo Mestre, co concerto de As Cambras.