Xesús Búa trae a Carballo o seu libro-tributo a percebeiros

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Axenda diaria | Mércores 12 de febreiro e estas serán as propostas para a Costa da Morte

12 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • «Non podía ser doutra maneira, pois Carballo e o seu Pazo da Cultura foi o primeiro lugar de Galicia onde a exposición Homes e mulleres de sal e ferro estivo en vivo, un lugar a onde sempre nos gusta chegar». Xesús Búa, fotógrafo muxián, reflexionaba así hai uns días sobre a cita que hoxe o traerá a Carballo. Farao, nesta ocasión, tamén con percebeiros, mais en formato libro, unha homenaxe e un coidado traballo publicado pola editorial Canela que xa foi visitando antes outras localidades. A primeira, como non, Muxía.

O encontro de hoxe na capital de Bergantiños será ás 19.30 horas, no Pazo, e Búa estará acompañado pola artista plástica Viki Rivadulla, o editor Pablo Quintana, a edila Maruxa Suárez e o alcalde, Evencio Ferrero. Acceso libre e de balde ata completar aforo.

Non será a única cita do día na Costa da Morte:

Coristanco De aquí a xuño estenderase na EFA Fonteboa de Coristanco un curso sobre fundamentos de apicultura práctica. A primeira sesión, hoxe de 18.00 a 20.00, será unha introdución. Consulte se aínda se pode inscribir: 981 733 051.

Carballo • Ademais de ser unha tarde fotográfica, serao tamén de contos. Os Ratos de Lonxedetodo volven á biblioteca Rego da Balsa, con sesións ás 17.00 e 18.30 do espectáculo Un nacemento especial. Consulte prazas.

Doutro lado, segundo as actividades difundidas polo Casino 1889, hoxe continuaría o curso de iniciación de edición de vídeo con Premier Pro a cargo de Eva Lodeiro. Pode obter máis información no 646 308 056. Entre as 19.00 e as 20.30, e requiriría levar portátil propio.

O Couto (Ponteceso) • Bota a andar o curso de poda e enxertos que imparte Amancio Lavandeira, parte das actividades de febreiro da Fundación Pondal e Casa da Muller.

LaxeÚltimo día para participar no sexto certame de dedicatorias de amor Dillo ben Bonito. O concurso premia as declaracións de amor máis emotivas e creativas con oito noites de aloxamento con almorzo para dúas persoas en establecementos da comarca. Promove a área de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, coas bases no portal web municipal.