Orgullo de mulleres, de investigadoras e tamén orgullo de Carballo

CARBALLO MUNICIPIO

Unha mostra na rúa Coruña, inaugurada este sábado, reúne o nome, rostro e traballo de 21 «guerrilleiras» carballesas
09 feb 2025 . Actualizado a las 23:17 h.Difundir os seus nomes, poñerlles rostro, coñecer aquilo que fan, outorgarlle valor, sentir orgullo dunhas veciñas que investigan en diversas disciplinas e coas que un pode cruzarse na rúa. «En Carballo temos as mellores mulleres, as máis guerrilleiras e as mellores investigadoras»: foron estas, este sábado, palabras de Iván Andrade, edil de Innovación, na apertura da exposición Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo. Dixo tamén, aludindo a Hipatia de Alexandría, que unha verdade non deixa de selo porque sexa crida ou non pola maioría. Esa afirmación súa, por tanto, éo.
Son 21 nomes, fotografías e traxectorias. Poderían ser máis, é unha exposición en crecemento, mais son as que se puideron reunir para este momento. «Quizais un día se quede curta a rúa Coruña e mesmo chegue a facer falta a Gran Vía», afirmou Andrade. A mostra, no programa da segunda Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia —cuxa xornada grande será este domingo 9 de febreiro—, faise nun contexto de colaboración do Concello co festival Pint of Science, que en maio volverá á vila e cuxo comité virá a Carballo o 22 de febreiro.
Orgullo de mulleres, orgullo de investigadoras, «pero tamén deixar claro algo, que son de Carballo, o xen carballés». Unha mostra «sinxela» na que, coas súas propias palabras, as 21 explican cal é a súa ocupación e, case como chanza, aquilo que elixirían se tivesen que facer unha investigación sobre Carballo. Das 21 participantes, e da quincena presentes, tomaron voz tres, a primeira delas Désirée Domínguez, agradecida por considerar que a súa traxectoria pode ser «referente para as nenas» e convencida de que é importante fomentar as vocacións científicas entre elas, mais tamén as ciencias sociais e humanidades.

«Grazas ao Concello por esta aposta decidida por visibilizar a ciencia. Sinto orgullo desta nova imaxe que se fomenta», afirmou, do seu lado, Verónica Bolón. Felicitou ás compañeiras e, en terceiro lugar, desexou que chegue o momento no que o Día da Muller a Nena na Ciencia non sexa necesario. Mais hoxe éo, e para mostra un dato: «Na Real Academia de Ciencias de España só hai un 4 % de mulleres académicas, estase traballando para mellorar isto, pero de momento as cifras son así».

«Visibilidade» e «inspiración» son as dúas palabras que para María Andrade definen esta proposta. Son 21 nomes, como o seu, pero cun matiz: «Detrás do traballo de cada unha de nós hai un enorme esforzo colectivo, en moitas ocasións tamén liderado por mulleres». Ela ampliou a fachenda de capital humano «a todas as mulleres no seu traballo». «Un día coma o de hoxe incrementa aínda un pouco máis o orgullo de ser carballeses e carballesas», rematou Evencio Ferrero, alcalde. «A sociedade ten que ir na dirección da igualdade», reivindicou perante unha exposición que é «escaparate do que temos», nun pobo comprometido que desbota estigmas para evidenciar os seus valores: «As mulleres sodes un valor moi grande». Incluso o fío musical foi este sábado tamén feminino: antes das palabras soou Antía Muíño ou Silvia Pérez Cruz.
QUEN SON
- 1. María Andrade Suárez
- 2. Pepa Arán Paredes
- 3. Marga Barral Martínez
- 4. Verónica Bolón Canedo
- 5. Teresa Búa Zaché
- 6. Lucía Díaz Platas
- 7. Désirée Domínguez Pallas
- 8. Gloria M. Fraga Rodríguez
- 9. María Gómez Brandón
- 10. María José Lema Gesto
- 11. Sonia Mosteiro Añón
- 12. Lara Pallas Quintela
- 13. Karina Pombo García
- 14. Olalla Rama García
- 15. Jessica Rodríguez Vilar
- 16. Patricia Seoane Collazo
- 17. Eva María Souto García
- 18. Lucía Tasende Rodríguez
- 19. Xanel Vecino Bello
- 20. María Vilanova Pereira
- 21. Alba Vilariño Porteiro
- [Retrata: Andrea Sánchez]
Ata cando a exposición
Na rúa Coruña, ata o 8 de marzo. Enlaza o Día da Muller e a Nena na Ciencia (11 de febreiro) co Día da Muller (8 de marzo).

En que traballan
Todas desenvolven o seu campo de traballo nunha materia científica, en investigación. Pero de áreas sumamente diversas: matemáticas, bioloxía e biotecnoloxía, fisioterapia, enxeñaría química, física e nanoquímica, dereito, lexislación e igualdade, medicina, enxeñaría informática, tecnoloxías da información e ciberseguridade, farmacia, astrofísica computacional, neurradioloxía, edafoloxía, ecoloxía e bioloxía animal, historia da arte, farmacoloxía pulmonar, intelixencia artificial, historia política e cultural, socioloxía urbana e socioloxía das políticas culturais... En definitiva, procuran unha mellora da calidade de vida.
Que investigaría sobre Carballo?
As súas respostas afianzan raíz. Dende por que en Rus se dá todo na terra, ata o pan (moitas coinciden!), Monte Neme, a saúde do grupo de maiores que acude aos bailes e o que non, microplásticos e erosión na praia de Razo, tipos de delitos, por que entran por aquí as borrascas, IA para coplas e puntos de baile, fenotipos, terra e solo, por que verzas e patacas están tan boas, arquitectura, autopercepción...
Un pequeno xogo
O último panel inclúe definicións do que é investigar. O visitante pode xogar a adiviñar cal das 21 mulleres pronunciou cada unha das frases. Un código QR permite acceder «in situ» ás solucións.
ESTE DOMNGO, Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia.
Será unha xornada científica para a familia con actividades para todas as idades. Segunda edición, logo dunha primeira, o ano pasado, con unha moi boa acollida por parte do público. Todo, con acceso de balde, na planta alta do mercado municipal, entre as 10.30 e as 13.30 horas.
- A partir de 3 anos de idade, ludoteca infantil, con xogos variados e pintacaras.
- A partir de 5 anos, obradoiros científicos coas investigadoras María Gómez Brandón, María Fernández García, Xanel Vecino Bello, Rosa Devesa Rey e Laura Muinelo Romay.
- Desde primaria ata bacharelato, obradoiro sobre o tempo xeolóxico, co Grupo de investigación en cambio ambiental da Universidade da Coruña.
- Desde primaria ata os avós e as avoas, experimentos coa profesora Isabel Regueiro e 14 alumnas do instituto Alfredo Brañas.
- A partir de 8 anos, micro-charlas sobre intelixencia artificial con Verónica Bolón.
- A partir de 6 anos, teatro con María Canosa e Ghazafelhos, que representarán «H2... Oh».