Carballo tamén acollerá unha Feira das Universidades, con dez centros presentes
CARBALLO MUNICIPIO

Será o 25 de febreiro, no edificio do Fórum, en horario de mañá. Os institutos xa teñen concertadas visitas
10 feb 2025 . Actualizado a las 01:10 h.Veñen por diante días intensos para a mocidade, sobre todo para aquela que este perfilando o que quere estudar nun futuro próximo. A vila de Cee acollerá mañá, no pavillón do instituto Agra de Raíces, a segunda Feira das Universidades e Centros Superiores neste localidade, mais non será a única iniciativa deste tipo na comarca. Xustamente onte, o Concello de Carballo daba a coñecer que dez centros de estudos superiores participarán na que, neste caso, será a primeira Feira das Universidades do municipio, prevista para o 25 de febreiro no edificio do Fórum.
A través de postos informativos individuais, cada un deses centros dará a coñecer as posibilidades formativas que ofrece ao alcance da mocidade carballesa. A feira estará aberta de 10.00 a 14.00, e xa teñen visitas concertadas os institutos Alfredo Brañas, Monte Neme e Parga Pondal, se ben poden achegarse todas as familias e persoas con interese na materia.
O Concello carballés, a través das concellerías de Educación e Innovación, Formación e Emprego, participará deste encontro, promovido pola Universidad de Tecnología y Arte Digital (U-tad). Estará presente tamén, ao igual que UDC, USC, Universidad Europea de Madrid, Centro Superior de Hostalaría, Escola de Pilotos AFN, Escola Marcelo Macías da Coruña, Universidad de Navarra, Universidad Intercontinental de la Empresa e Forzas Armadas.