Volve a Carballo un auténtico concerto de película

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A Banda Municipal abrirá esta tarde as súas citas de febreiro cun concerto de bandas sonoras: 19.30 horas, no Pazo da Cultura

08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 19.30 horas • Pazo da Cultura • «Convidamos a todo o mundo que se queira achegar. Será un concerto, penso, do que ninguén se arrepentirá de vir escoitar, pasaremos xuntos unha tarde moi agradable». Javier Bardanca, director do Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS) e director da Banda Municipal de Música de Carballo, ten motivos suficientes para afirmar estas palabras, porque o que hoxe acollerá o auditorio do Pazo da Cultura será un Concerto de Bandas Sonoras que xa arrasou o ano pasado e tamén en San Xoán, aínda tendo que enfrontarse ao contratempo da choiva. Sobre o escenario estarán uns 54 artistas da Banda, avanza, unha agrupación que acadou no 2024 os 40 anos. Con esta actuación —19.30 horas—, o CMUS dará por iniciado o seu almanaque de intervencións para este mes de febreiro: «Andamos con moita ilusión, coma sempre! Temos ademais a estrea da iluminación no auditorio e as novas butacas, que quedaron moi cómodas e bonitas, pero sobre todo moi cómodas», ri.

«A xente non cansa»

«Unha viaxe a través da música para recordar a súa infancia, música de series e películas que nos marcaron a todos un pouquiño, coa que nos podemos sentir identificados». Iso di Bardanca que será o concerto de hoxe: «Sempre ten demanda, cada vez que o fas a xente non cansa de dar os parabéns. Disfrutan esta viaxe», explicou en Radio Voz.

Javier deseñou a proposta retrotráendose á súa propia nenez e adolescencia. Quen non ten na cabeza, por exemplo, a banda sonora de Verano Azul? Ou a música de Barrio Sésamo? Ou a de El Equipo A? Pois todo iso soará en directo, pero tamén outras pezas máis actuais: por poñer unha mostra, El Gladiador. Todo ese corpus musical estará apoiado ademais por proxeccións audiovisuais, axudando ao espectador a poñerse en contexto e a estimular a memoria destas series ou películas.

BASILIO BELLO

«Non é por dicilo eu, pero agora mesmo penso que está atravesando un dos seus bos momentos», sopesa Javier sobre a Banda Municipal de Música de Carballo. «Estamos nun intre de crecemento e, sobre todo, de ilusión por parte do alumnado, dos nenos e dos colaboradores. A cada paso hai máis participación, e aí está igualmente a ilusión deses pais que veñen felices porque tocan na banda cos seus propios fillos. É emotivo participar de algo como é a música, pais e fillos compartindo unha mesma vocación», afirmou en Radio Voz.

Transmitir unha paixón

O de Bardanca tamén foi vocación musical temperá. Apenas 14 anos tiña cando empezou a tocar nas orquestras, un mundo no que pasaría 35. ¿Non bota de vez en cando pasar do lado do director que agora é ao do artista que toca? «O que naceu músico, músico é, pero todo son etapas na vida. Gozo cando toco e gozo neste momento que estou vivindo, tan bonito, poder levar a cabo con nenos e familias esa miña vocación e paixón pola música. Transmitir isto, e ver que pouco a pouco vas conseguindo novos retos, novos logros».

Hai xa uns anos, doutro lado, que vén sendo asemade un novo tempo para o Conservatorio en canto a apertura á sociedade. «Antes o que se facía nas aulas morría aí, as correccións, as aprendizaxes... Pero fíxose un cambio cara a visibilidade, levando a música a distintos sitios. Aí está o CMUS en Ruta, ou os concertos na Praza, ou as actuacións naqueles lugares nos que nos chaman, a residencia de maiores, centros de día... Trátase de amosar o que se fai». Con todo isto, pois, a desta tarde será unha oportunidade magnífica: 19.30, auditorio do Pazo da Cultura, con acceso de balde ata completar o aforo dispoñible.