As 21 «guerrilleiras» carballesas no eido da investigación, xuntas nunha exposición
CARBALLO MUNICIPIO

As áreas municipais de Innovación e Igualdade promoven unha mostra na rúa Coruña: inauguración este sábado. Segue tamén no mercado «As mulleres que nos levaron á Lúa»
07 feb 2025 . Actualizado a las 00:19 h.Inauguración este sábado • 12.00 horas • A Carballo volverá esta fin de semana a Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, co ánimo de xerar vocacións científicas e referentes femininos. É nese contexto no que se sitúa tamén a exposición Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo, cuxa inauguración está prevista para este sábado, ás 12.00, na rúa Coruña, aberta ao público. É unha iniciativa das áreas municipais de Innovación e Igualdade para poñer en valor e divulgar o traballo que desenvolven mulleres do municipio en proxectos de investigación sumamente diferentes, dende as enxeñarías ao dereito, pasando pola socioloxía, a medicina, a bioloxía ou a informática. A mostra, segundo dá traslado o Concello, enlazará dúas datas simbólicas, o 11 de febreiro, Día da Muller e Nena na Ciencia, e o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. É tamén ao redor destas datas que o consistorio desenvolve actividades que teñen por fin común impulsar as vocacións STEM entre nenas e mozas, fomentar a incorporación das mulleres a profesións masculinizadas e difundir os avances sociais que se están a acadar co traballo destas 21 mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo. É unha exposición en fase de crecemento, que irá medrando, quizais abríndose a outros campos no que hai carballesas referentes.
Unha a unha
1. María Andrade Suárez
Investigadora en Socioloxía Urbana e Socioloxía da Cultura e Políticas Culturais.
2. Pepa Arán Paredes
Matemática, modelizadora de riscos en agricultura.
3. Marga Barral Martínez
Profesora de Historia contemporánea, investiga a historia cultural.
4. Verónica Bolón Canedo
Enxeñeira e doutora en Informática, referencia en intelixencia artificial.
5. Teresa Búa Zaché
Xurista. Investiga sobre a lexislación con perspectiva de xénero.
6. Lucía Díaz Platas
Doutora en Biomedicina e Farmacia. Especialista en radiofarmacia.
7. Désirée Domínguez Pallas
Directora do Arquivo Histórico da USC.
8. Gloria María Fraga Rodríguez.
Doutora en Medicina Adxunta de Nefroloxía Pediátrica.
9. María Gómez Brandón
Profesora no eido da Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.
10. María José Lema Gesto
Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Directora da Sección de Edafoloxía da Estación Fitopatolóxica Areeiro.
11. Sonia Mosteiro Añón
Neurorradióloga intervencionista.
12. Lara Pallas Quintela
Enxeñeira informática e investigadora en astrofísica computacional.
13. Karina Pombo García
Xefa dun Laboratorio de Investigación en Oxford. Investiga como as nosas células epiteliais se unen para formar tecidos que nos protexen de patóxenos nas enfermidades intestinais.
14. Olalla Rama García
Enxeñeira informática. Especialista en ciberseguridade.
15. Jessica Rodríguez Vilar
Doutora e investigadora en Química.
16. Patricia Seoane Collazo
Investigadora na Facultade de Mediciña da Universidade de Tsukuba (Xapón)
17. Eva María Souto García
Profesora de Dereito Penal na Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Criminoloxía, Psicoloxía Xurídica e Xustiza Penal no século XXI (ECRIM).
18. Lucía Tasende Rodríguez
Grao en Física e Química. Investigadora en nanomateriais luminescentes
19. Xanel Vecino Bello
Profesora e investigadora en Enxeñaría Química especializada na transformación dos residuos e materias primas secundarias en produtos de alto valor engadido.
20. María Vilanova Pereira
Fisioterapeuta. Investiga os efectos da marcha nórdica en pacientes con asma.
21. Alba Vilariño Porteiro
Graduada en bioloxía cun mestrado en biotecnoloxía avanzada. Traballa no Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) en Culleredo, investigando procesos de biohidrometalurxia.

«As mulleres que nos levaron á lúa», no mercado municipal
Ata o 13 de febreiro • Igualmente no contexto das actividades arredor do Día da Muller e a Nena na Ciencia, entre os postos de venda do mercado municipal de Carballo, poden visitarse dende hai uns días 12 pósteres, tipo roll up, sobre mulleres que tiveron un destacado papel para que a chegada do ser humano á Lúa fose realidade. Aquel 21 de xullo de 1969 marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial, pero cinema e literatura, e mesmo libros de texto, centráronse na figura dos astronautas, invisibilizando o traballo de nomes como Annie Easley, Rita Rapp ou Frances Northcutt, claves no éxito da misión do Apolo XI e posterior conquista do espazo. Estudaron, calcularon e comprobaron unha e outra vez que todo funcionase, pero quedaron ocultadas durante moito tempo. Deben saír á luz, traslada o Concello, para servir de modelo. Pódese saber máis delas, en Carballo, ata o 13 de febreiro.
Convenio co Grica para achegar o coñecemento científico á poboación
Exposicións como as arriba mencionadas, ou tamén a feira e mesmo o festival Pint of Science, son propostas coas que a área municipal de Innovación carballesa trata de fomentar o interese pola ciencia entre a poboación. Nesta mesma liña, o edil Iván Andrade vén de asinar un convenio de colaboración co Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (Grica) da Universidade da Coruña, para impulsar outras actividades neste ámbito. É o caso do taller sobre formación e observación de fósiles, onte co Programa Apego, ou do obradoiro sobre tempo xeolóxico que haberá este domingo. Outra das citas próximas: un obradoiro sobre a Lúa, o 19.