Cine e arte para un xoves de febreiro, todo sen saír de Carballo
CARBALLO MUNICIPIO

O ciclo Amal en Ruta é unha das citas destacadas desta xornada, pero non a única na capital de Bergantiños
06 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Xoves 6 de febreiro e así vén a xornada na Costa da Morte:
Carballo • Cine Amal en Ruta • Avanza o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta, hoxe coa proxección dun novo filme de ficción, ás 20.00 horas no Pazo da Cultura. The Old Oak narra o futuro do único pub que resiste nunha vila do noroeste de Inglaterra na que a xente abandona a terra a medida que pechan as minas. Con casas baratas e dispoñibles, é un lugar ideal para un grupo de refuxiados sirios. Dirixe o británico Ken Loach. Acceso libre e gratuíto a unha longametraxe que se estenderá 110 minutos.
Amal en Ruta é unha proposta da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, co apoio do Concello carballés.
Carballo • Exposición na cafetería Colón • Hai dúas semanas que se pode ver neste establecemento Caras amigas, exposición de pintura conxunta de Maribel Castiñeira, Isabel Méndez e Isabel Soutullo. Hoxe comezan quince días dedicados, exclusivamente, a traballos de Castiñeira (XMÑ). Logo virán outros tantos para Méndez e para Soutullo. XMÑ, caionesa, pero tamén carballesa, ten na pintura intuitiva a súa mellor expresión.
Carballo • Campaña divulgativa do colector marrón • Os interesados en coñecer máis da campaña de compostaxe doméstica Ti tes a chave, ou de como adherirse a ela, poden achegarse hoxe ata a carpa que se instalará para ese efecto na céntrica rúa Coruña: de 10.30 a 13.30 horas.