Teresa Portela: «Hai que tolerar a frustración, eu tardei vinte anos en ter a medalla»

CARBALLO MUNICIPIO

Visitará esta tarde (19.00 horas) o Fórum de Carballo para dar unha charla
22 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Fórum de Carballo acolle hoxe, ás 19.00 horas e con entrada de balde, unha actividade ben especial. A palista Teresa Portela (Cangas, 1982) visita a capital de Bergantiños como embaixadora de Suevia Gestión de Riesgos y Seguros no seu compromiso polo fomento do deporte feminino. Prata en Tokio, a española con máis participacións en Xogos Olímpicos (Sídney-2000, Atenas-2004, Pekín-2008, Londres-2012, Río-2016, Tokio-2020 e París 2024), aínda non pensa no retiro.
—De que falará este mércores?
—A idea é ter contacto directo con toda esa mocidade deportista, que sei que en Carballo hai moita variedade e cantidade. Achegarme un pouco a elas, contarlles a miña historia e o que aprendín da miña carreira, coa importancia de ter unha vida activa con hábitos saudables. Aínda que non o pareza, eu tamén fun nova, e xa que eu non puiden recibir toda esta información con 12 ou 14 anos, estou encantada de transmitila agora.
—Cambiou moito a forma na que as nenas se achegan ao deporte?
—Penso que si, moito. Ao longo destes anos concienciámonos moito máis da importancia de facer deporte e de que os máis pequenos fagan actividades. O outro gran cambio está nas infraestruturas, nada comparables coas que eu tiña cando comecei a remar. E hai que seguir mellorando e instaurando a necesidade de moverse de cara á vida adulta. Co deporte tes moitas cousas gañadas á marxe da forma física, dende o sono á autoestima. É esencial.
—En Aldán, cando comezou a remar, non tiña auga quente para ducharse logo de adestrar. Esas dificultades son as que constrúen ás verdadeiras campioas?
—O que amosa iso é que ás veces non necesitamos demasiadas cousas para chegar ao máis alto. Que o que máis importan son as ganas e o traballo diario. Era o que tiñamos, pero tampouco se cuestionaba. Agora botamos a vista atrás, pensámolo e era horrible, pero daquela era o que había. Nese sentido, a situación mellorou moito e, de vez en cando, está ben recordar como era entón para valorar máis o que temos agora.
—Ese compoñente lúdico, de facelo por paixón, chega a desaparecer cando xorde a esixencia dos resultados?
—Si, claro, evidentemente. É imprescindible que o inicio no deporte sexa así: porque á rapazada lle gusta, como un xogo, pasándoo ben. Pero logo é como no colexio. A infantil vas debuxar e xogar, pero cando te dás conta todo son exames e esixencias. Na miña carreira deportiva pasou o mesmo. Chegou un momento no que me dei conta de que se quería mellorar, precisaba de máis horas de adestramento, máis intensidade, máis esixencia. Deixa de importar que che apeteza ou non, e hai que manter o compromiso co traballo.
—Mantén ese compromiso. Cal é a motivación despois de 25 anos ao máis alto nivel?
—Pois ese compromiso por mellorar. Ao final converteuse no meu traballo e intento facelo o mellor posible. Hai días de frío, vento e choiva que non apetece saír en chancletas e mallas curtas, pero por riba está ese compromiso que me motiva a través de retos que vou poñendo.
—Eses retos son cada vez máis a curto prazo?
—Sempre busquei obxectivos curtos. Facer un adestramento pensando que che vai servir para o ano 2028 é moi pouco motivante. Entón sempre poño metas a curto prazo, como moito dun ano. Pasos ambiciosos, pero factibles e reais.
—A xestión do fracaso é unha das grandes preocupacións coas novas xeracións.
—É un tópico, pero tamén unha realidade: imos perder máis do que imos gañar. É certo que nalgúns deportes, se perdes cada semana pode ser desmotivante, pero hai que saber tolerar a frustración, porque a frustración sempre vai estar aí. É moi importante ser consciente de que en cada derrota hai aprendizaxes e confiar en que todo esforzo, por moito que tarde, ten a súa recompensa, dunha forma ou doutra. Tiven que esperar aos meus sextos Xogos Olímpicos para cumprir o meu soño da medalla olímpica. Non o logrei nos primeiros, nin nos segundos... e entre cada un hai catro anos de por medio. Tardei vinte! É unha boa forma de evidenciar que hai que seguir e seguir traballando para recoller a recompensa.
—Moitas rapazas saberán que se pode ser nai e deportista de alto nivel grazas a exemplos coma o seu. Aconsellábanlle o contrario no 2014?
—Cando hai algo que non se ve é difícil crer que poida saír adiante. Ninguén me intentou convencer de que non era posible, pero tódalas papeletas indicaban que era moi complicado. Eu nunca o vira, e é difícil conseguir algo cando todo son dúbidas ao respecto. É moi bo saber agora que si é posible. É moi complicado, claro, pasar por un embarazo, parto, posparto, recompoñerme, conseguir o nivel máis competitivo e loitar por unha praza olímpica. É bo que as mulleres saiban que non só hai a opción de retirarte, se son deportistas, e queren ter unha filla.
—Preocúpalle pensar na retirada?
—Preocúpame porque vai ser un momento difícil. Pero entendo que chegará un día no que non atope a motivación suficiente, no que algo pesará máis que os meus obxectivos. Aínda non o vexo, pero cando sexa, quero telo totalmente seguro.