Un campus para adolescentes dá pulo á regueifa entre os mozos

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

A coristanquesa Celtia Vázquez será unha das participantes
A coristanquesa Celtia Vázquez será unha das participantes BASILIO BELLO

Ademais, en Carballo comezou a segunda quenda de obradoiros escolares do proxecto Enreguéifate

14 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Repentistas de Vilalba, Vila de Cruces, O Courel, Porto do Son, Compostela, Monforte ou Vigo participarán esta fin de semana na primeira edición dun campus de regueifa para adolescentes que promoven o instituto vilalbés Basanta Silva e o proxecto Regueifesta.

E, como non podía ser doutro xeito, haberá representación bergantiñá da man da improvisadora coristanquesa Celtia Vázquez, alumna da Escola da Regueifa de Carballo que con tan só 12 anos xa ten participado en eventos como o Enreguéifate, Regueifa Tour ou, máis recentemente, o certame Espalla Rimas que a pasada fin de semana promoviu La Voz de Galicia co apoio da Consellería de Cultura, Nauterra e o Concello de Carballo.

Celtia foi, de feito, unha das alumnas da escola bergantiñá que ao inicio da gala participaron nunha exhibición de improvisación oral. Logo de dita experiencia, a coristanquesa viaxará agora ata Vilalba para reunirse con outros mozos que do venres ao domingo participarán en asembleas, actividades formativas, grupos de traballo ou iniciativas de corte lúdico.

Un seminario con Sés, un obradoiro con Laura Lamontagne ou unha visita á Casa Museo de Manuel María son algunhas das actividades nas que se involucrarán os asistentes ao campus, que tamén participarán nun espectáculo de regueifa aberto ao público —Regueifa Tour— no que tamén estarán presentes os repentistas Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

Imaxes deste campamento serán filmadas para a súa inclusión en varios documentais que se están elaborando sobre temáticas como a regueifa e a muller, a expansión recente da improvisación oral ou o papel da muller na literatura de tradición oral.

ANA GARCÍA

Novos obradoiros do proxecto Enreguéifate, en Carballo

Comezou onte, no instituto Alfredo Brañas, a segunda rolda dos obradoiros que se levan a cabo en centros educativos carballeses no marco do proxecto Enreguéifate. Conducidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, se no mes de novembro estiveron dirixidos á rapazada dos CEIP de Nétoma-Razo, A Cristina e Bergantiños, así como aos institutos Isidro Parga Pondal e Monte Neme, esta semana a actividade trasladarase aos colexios Canosa-Rus, Gándara-Sofán, Xesús San Luis Romero e Fogar.

Estes obradoiros coinciden no tempo, así mesmo, coa celebración da primeira sesión do ano da Escola da Regueifa de Carballo, unha actividade que coordina o departamento de Normalización Lingüística e que imparte a coristanquesa Lupe Blanco dous venres ao mes, ás sete da tarde, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas.

Carballo, que vén tamén de ser sede do certame Espalla Rimas, reivindícase como un «potente altofalante da tradicional arte da disputa dialéctica improvisada e en verso», apunta o consistorio.

A gala do Espalla Rimas xa se pode ver en vídeo

Foron moitos os que, por cuestións de aforo, non puideron sumarse o pasado sábado á gran festa da regueifa promovida por La Voz de Galicia. Mais todos eles terán a oportunidade de gozar da retranca e da axilidade mental dos improvisadores participantes na canle de Youtube de La Voz de Galicia, espazo no que dende hai días se pode ver a gala ao completo en vídeo. Dende a exhibición dos escolares, á animación de Pan Sen Fron, pasando polo apartado competitivo ou pola entrega de premios e desas roscas elaboradas por Forno Novo aos gañadores e finalistas.