Suso de Xornes gaña os cuartos Premios Galegos da Regueifa

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Impúxose, nunha final de gran calidade, á tres veces campioa: a coristanquesa Lupe Blanco

13 ene 2025 . Actualizado a las 00:15 h.

Desta banda, o mestre gañoulle á aprendiz. Era a terceira vez que Suso de Xornes e Lupe Blanco se vían as caras nunha final dos Premios Galegos da Regueifa, mais non puido a coristanquesa revalidar o triunfo obtido nas tres primeiras edicións, pois o público, que por vez primeira puido votar, outorgoulle a vitoria a un dos históricos da regueifa en Bergantiños: Jesús Lema García, Suso de Xornes.

Multitudinaria, áxil e moi retranqueira foi esta cuarta edición do certame que promove La Voz de Galicia en Carballo co apoio da Consellería de Cultura, Nauterra e o Concello carballés. Ante un Pazo da Cultura ateigado, foron dez os improvisadores que foron poñendo a proba a súa capacidade para a rima e a súa axilidade mental, concursando en sucesivas quendas e regueifando sobre temas tan diversos como a falta de man de obra, as badaladas, o turismo, o botellón, as Letras Galegas ás cantareiras ou os influencers.

Candente actualidade a que tiveron que abordar Nuria Penas, Paco Felípez, Daniel Vilas (Chaminho), Óscar García, Carme de Lonxe, Alberto Liñares, Yéssica Nantón e Cristian Gómez, semifinalista xunto a Suso e Lupe e unha das grandes revelacións desta edición, segundo recoñeceu o propio xurado á hora de dar o seu derradeiro veredicto.

Nunha gala conducida polo locutor de Radio Voz Fran Rodríguez e pola xornalista de La Voz Patricia Blanco, e fiada polas músicas, a cor e a animación dos pandeireteiros de Pan Sen Fron, foron avanzando as fases do concurso ata que só quedaron dous. Para Lupe, Suso é un mestre. Para Suso, Lupe é unha revolución. Un e a outra protagonizaron a final «máis bonita, elegante e con máis garbo» de todas cantas se teñen celebrado, segundo apuntou Manolo Maseda, integrante do xurado, instantes antes de que o público dese o seu veredicto. Habían de alzar un cartón verde para Suso ou un vermello para Lupe, e non fixo falla nin reconto, pois a simple vista puido certificarse a vitoria do pontecesán.

Nesta gran festa da improvisación oral tamén houbo tempo para os recoñecementos: un a título póstumo para Marta Souto, polo seu incansable traballo pola lingua galega e pola regueifa, e outro para a figura dos normalizadores lingüísticos, personificados neste caso na técnica do Concello de Carballo Carme Pereiro. Houbo diplomas tamén para os alumnos da Escola da Regueifa carballesa, que foron ademais os encargados de abrir os premios cunha exhibición, así como para os valentes concursantes que participaron nesta cuarta edición do Espalla Rimas.

Unha cita que consolida o seu tirón entre a sociedade da Costa da Morte e que certifica que a regueifa, como se dixo ao longo da velada, está máis viva ca nunca.