E o mestre gañou á aprendiz: así foi a gran festa da regueifa en Carballo

MARTA LÓPEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Suso de Xornes superou a Lupe Blanco na final da cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa

13 ene 2025 . Actualizado a las 00:15 h.

Poden descansar en paz Calviño de Tallo, Celestrino, Fermín da Feira Nova, O Atrevido de Grixoa, Blanco de Muíño Seco ou Florinda da Tera, pois o futuro da regueifa semella ser próspero e frutífero. Así se ve nos colexios, nas escolas municipais, na proxección ao exterior, nas programacións culturais ou en actos como o que onte ateigou o Pazo da Cultura de Carballo.

A cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa, iniciativa promovida por La Voz de Galicia co apoio de Nauterra, da Consellería de Cultura e do Concello de Carballo, serviu para que Bergantiños volvese revalidar a súa supremacía na improvisación oral. Mais quen non revalidou título, logo de tres vitorias consecutivas, foi a coristanquesa Lupe Blanco, a xa alcumada primeira regueifeira profesional de Galicia. Desta banda, e logo dunha excepcional e elegante final na que volveu medir forzas co seu gran amigo e mestre Suso de Xornes, a balanza decantouse polo pontecesán.

Arduos temas tivo que defender para obter tal distinción, pois o azar quixo na primeira volta tivese que rimar sobre o botellón, na segunda, sobre o veganismo, e na terceira e última con temática asignada, sobre a dedicatoria das Letras Galegas ás cantareiras. Claro que, tratándose de alguén como Suso de Xornes, que ten a retranca por primeiro idioma e leva toda unha vida ideando coplas, pouco importaron as barreiras xeracionais. Aproveitou, tamén, para reivindicar o labor das cantareiras e dos regueifeiros, así como para apelar á xuventude como gardiá destas tradicións, e recibiu co seu tan característico e ácido humor algúns dos aplausos máis sonoros da tarde.

BASILIO BELLO

A quenda final con Lupe foi de tal calidade e elegancia que fixo que os seis minutos dos que dispoñían quedasen curtos. Mesmo baixando ata o patio de butacas, fixeron o que mellor saben: entreter. Mestre e aprendiz, así o ten recoñecido a coristanquesa en múltiples ocasións, descargaron munición un contra o outro, pero tamén lle caeron algunhas coplas ao xurado, ao secretario xeral da Lingua, aos concelleiros, ao alcalde larachés —presente entre o público— ou aos presentadores.

Mentres o público, que por vez primeira tivo nas súas mans a decisión final, meditaba o sentido do seu voto, entregáronselle dous emotivos recoñecementos a Marta Souto —a título póstumo polo seu incansable traballo pola lingua e a regueifa dende o Concello de Vigo— e a Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística de Carballo, que recibiu o distintivo de Valedora da Regueifa no nome de todo o seu colectivo profesional.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Os docentes e divulgadores da improvisación oral Manolo Maseda e Olalla Liñares, o presidente da Asociación Oral de Galicia, Carlos Alonso; o escritor, divulgador e escritor Xosé Manuel Varela e a técnica Carme Pereiro integraron o xurado, a quen correspondeu avaliar aos dez concursantes nas sucesivas fases do certame. Fran Rodríguez, locutor de Radio Voz Bergantiños, e Patricia Blanco, xornalista na delegación carballesa de La Voz de Galicia, conduciron a gala.

BASILIO BELLO

Por vez primeira, o público puido votar

Un ano máis, volveu quedar pequeno o auditorio do Pazo da Cultura para dar acubillo aos centos de persoas que na tarde de onte quixeron gozar da regueifa en Carballo. Á súa entrada ao patio de butacas, cada asistente recibiu dous cartóns, un de cor verde e outro de cor vermella, que tiveron que conservar durante toda a gala para, ao final da mesma, seren partícipes da máis relevante decisión de todo o certame.

E é que por vez primeira outorgóuselle ao público a potestade de decidir quen sería o gañador dos Premios Galegos da Regueifa. Se nas anteriores edicións só se puideron valer das súas gargalladas e aplausos para avaliar aos improvisadores, desta banda a votación final recaeu enteiramente sobre eles.

BASILIO BELLO

Rematada a quenda final de seis minutos entre Suso e Lupe, e a pesares de que dende a organización se lles concedeu dez minutos para meditar a decisión, os asistentes amosáronse ávidos de facer oír a súa voz. Así o fixeron logo de seren entregados os recoñecementos e os diplomas aos participantes, tinguindo de verde o auditorio carballés. O verde de Suso, o verde da esperanza.