Os participantes do Espalla Rimas: presente e futuro da regueifa

MARTA LÓPEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Máis sobre os Premios Galegos da Regueifa | Salto cualitativo na cuarta edición do certame, con concursantes chegados mesmo de Vila de Cruces ou Burela

13 ene 2025 . Actualizado a las 00:15 h.

Subir a un escenario como o do Pazo da Cultura e medirse a xente que leva toda a vida na regueifa ten moito mérito. Así llelo recoñeceu a portavoz do xurado, Olalla Liñares, aos dez participantes da cuarta edición do Espalla Rimas. Algúns deles, como Óscar García ou Chaminho, levan participando dende a xénese deste concurso; outros fóronse sumando conforme avanzaban as edicións, como Carme de Lonxe ou Alberto Liñares, e outros, como Paco Felípez ou Nuria Penas, probaron sorte por vez primeira —e con gran éxito— neste 2025.

Carme e Lupe Blanco, alumna e profesora na Escola da Regueifa de Carballo, integraron a primeira das parellas na quenda inicial do concurso e improvisaron, nin máis nin menos, que sobre a falta de man de obra. Moito xogo deron as coplas de Cristian Gómez e Chaminho sobre as badaladas de fin de ano (Lalachús ou Pedroche?), así como os divertidos argumentos que Yéssica Nantón e Nuria Penas deron para defender, respectivamente, a tortilla con ou sen cebola.

Óscar García debía poñerse na pel dun paisano de aldea cuxo burro molestaba a Paco Felípez, que había de asumir o rol de turista. Alberto Liñares e Suso de Xornes, a quinta e última parella, tiveron que regueifar en controversia sobre o botellón.

Trala primeira deliberación do xurado, quedaron eliminados Chaminho, Paco, Carme e Alberto, formándose outra xeira de parellas para improvisar novamente sobre temas elixidos ao azar. A necesidade de cobrar ou non fianza por reservar nun restaurante foi o tema que tiveron que defender Yéssica e Óscar, mentres que Cristian Gómez e Suso de Xornes tiveron que departir sobre que farían no caso de ter un convidado vegano. Nuria e Lupe, por último, puxéronse na pel duns pais cuxo fillo desexa ser influencer.

Temas que deron para boas doses de retranca, que foi ben recibida polo público e que lle valeu a Lupe, Suso e Cristian o pase á semifinal. Este terceiro nome, recoñeceu o xurado, foi «bastante difícil de decidir». A derradeira quenda antes da batalla final consistiu nunha regueifa individual en base a un tema asignado ao azar: os coches autónomos para a coristanquesa, as Letras Galegas para Suso e a supremacía dos regueifeiros sobre os rapeiros para o mozo de Burela.

BASILIO BELLO

Alumnos de tódalas idades garanten un próspero futuro para a regueifa

O feito de que a metade dos participantes desta cuarta edición do certame Espalla Rimas estean vinculados á Escola da Regueifa de Carballo é, xa por si mesmo, indicativo de que se están a facer as cousas ben no que respecta á protección desta singular forma de improvisación oral.

Tirso, Marité, Noelia, Diego, Amalia, Celtia, Alberto, Óscar, Carme, Chaminho e Paco tiveron a honra de abrir a gala cunha exhibición guiada por Lupe Blanco, mestra da Escola, e Manolo Maseda. Logo dunha primeira copla introdutoria, enfrontáronse por grupos nunha controversia en torno a un divertido tema: chuches ou comida saudable?

BASILIO BELLO

Festa sen fronteiras con Pan Sen Fron

Foron o redobre de tambor cando o xurado anunciou os seus veredictos, foron a man inocente que sacou os temas sobre os que regueifar, foron os destinatarios dalgunha que outra copla e, por enriba de todo, foron unha fonte de constante ledicia sobre o palco do Pazo da Cultura.

Dirixidos por Xurxo Fernandes, entorno a unha vintena de integrantes de Pan Sen Fron —Pandereiteiras sen Fronteiros— fiaron a través das súas animadas músicas unha velada na que eles mesmos gozaron de gran protagonismo. Sempre presentes sobre o escenario, animaron aos concursantes, interactuaron co público e tinguiron de axilidade e humor todo o acto.

E, entre eles, houbo mesmo representación local da man de Tania (Vimianzo), Bárbara (Neaño) e Ismael e Eloy (Zas): talento da Costa da Morte que vén de sumarse ás filas desta agrupación tradicional que fixo que a festa se prolongase moito máis aló do remate da gala, e que non houbese nin un ápice de tensión nun certame que ten pouco de competición, e moito de reivindicación.