López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude: «Un galego leva a regueifa dentro, aínda que non o saiba»
CARBALLO MUNICIPIO
Carballo acolle esta tarde a cuarta edición dos Premios Galegos de La Voz: repasa aquí como será o encontro, ás 18.00 horas no Pazo
11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Un galego leva a regueifa dentro, aínda que non o saiba». Afirmación clara e concisa do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos (A Estrada, 1974), preguntando pola importancia para a comunidade galega deste xénero de improvisación oral que ten na comarca de Bergantiños o seu berce primeiro: «O noso xeito retranqueiro de replicar ou a facilidade e axilidade coa que nos auxiliamos no canto como resposta son só un par de exemplos que testemuñan como unha das expresións máis representativas da tradición oral é tamén unha das máis significativas da idiosincrasia que nos é propia», concreta o titular da Consellería de Cultura, Administración colaboradora dos Premios Galegos da Regueifa que esta tarde acollerá o Pazo de Carballo, na súa cuarta edición.
La Voz de Galicia dende a súa redacción de Carballo, co apoio tamén de Calvo-Nauterra e o Concello carballés, promove este encontro que comezará ás 18.00 horas, con acceso libre e de balde, e que pretende reivindicar o legado dos vellos regueifeiros e regueifeiras, así como seguir afianzando futuro agora que a improvisación oral vive un tempo de esplendor por Galicia adiante. Faise nunha modalidade de concurso que reúne diferentes voces e tonadas deste «pobo improvisador» que reivindican activistas da materia como son Séchu Sende ou Manolo Maseda.
López Campos pon énfase neste aspecto: «Hai un incalculable valor patrimonial que se acubilla neste xeito tan noso de comunicarnos, de rebaternos, de contarnos e cantarnos, e tamén de desfrutarnos en comunidade».
Valentín García, secretario xeral da Lingua, habitual destes Premios e presente hoxe na capital de Bergantiños, sabe ben da festa que supoñen estes Premios. López Campos tamén se pronuncia nese sentido: «É imposible non gozar co enxeño e riqueza da linguaxe dunha regueifa, como tamén é imposible non recoñecer a importancia de que este valioso legado teña conseguido sobrevivir durante séculos e ter atrapado e cativado a xeracións máis novas». A través de proxectos como Enreguéifate hai un mesta rede de talleres en centros educativos: «Contamos cunha mocidade que cada vez en maior número mellora a oralidade da lingua creando, improvisando e xogando coa musicalidade e a destreza que lle ofrece un idioma único, o galego».
Ten unha mensaxe o mandatario para que estes tempos de optimismo non decaian, e teñan raíz: «Sigamos coidando e valorando este tesouro no ano en que as Letras Galegas xusto se dedican á tradición oral porque coidándoo e valorándoo como o estamos a facer, coidamos, valoramos e prestixiamos outro tesouro, indisociable ás regueifas: a nosa lingua».
Belén Lendoiro, alcaldesa en funcións: «Estamos moi orgullosos da progresión»
En ausencia de Evencio Ferrero por uns días, Belén Lendoiro exercerá como alcaldesa en funcións de Carballo. Será ela quen acuda hoxe ao Pazo: «A miña opinión é do máis positiva. Estamos satisfeitos e orgullosos, sobre todo da progresión que leva a regueifa. Estes Premios son unha proposta que a reforza e visibiliza, e que á vez prestixia algo que é tan da nosa tradición oral, sumando cada ano máis xente. Hai que dar os parabéns á organización por potenciar e dinamizar algo que non podemos perder», valoraba onte.
Dez serán os regueifeiros e regueifeiras que participarán este ano nos cuartos Premios da Regueifa. Suso de Xornes, Lupe Blanco, Yéssica Nantón, Óscar García Pombo, Nuria Vilas —por vez primeira—, Carme de Lonxe, Cristian Gómez, Alberto Liñares, Paco Felípez —tamén se estrea— e Daniel Vilas, Chaminho. «Unha ilusión», aseguraba este último hai uns días: «Facer outra festiña da regueifa, xuntarnos regueifeiros e regueifeiras en Carballo e que haxa xente que queira velo, que iso tamén é importante. Xente apoiando e desfrutando, sobre todo desfrutando, das coplas que se van botando», valora Vilas. «Activar a parte máis positiva de quen somos», engadía Carme. Xa non queda nada.
COMO SERÁ O ENCONTRO ESTA TARDE
Un apartado de exhibición. Correrá a cargo de alumnado da Escola de Regueifa de Carballo, coa participación de Tirso Baldomir Moreira, Marité García Castro, Noelia Mira Álvarez, Diego Turati Varela, Amalia Rodríguez Seoane e Celtia Vázquez García. Subirán tamén ao escenario, como alumnos que son, aínda que logo concursen, Daniel Vilas, Óscar García, Paco Felípez, Carme de Lonxe e Alberto Liñares. Este apartado, que será conducido pola mestra da Escola, Lupe Blanco, non terá fin competitivo. Só é exhibición.
Un apartado de concurso. Con dez regueifeiros e regueifeiras. Sendo número par, formaranse cinco parellas. Destas cinco parellas, o xurado terá que elixir a seis persoas, non necesariamente só un membro de cada parella. Coas seis persoas resultantes formaranse tres parellas, e destas quedarán tres persoas que, nunha terceira volta, terán que ofrecer coplas de xeito individual. Elixirá o xurado finalmente aos dous grandes finalistas deste ano, e aí chegará a gran novidade.
Xurado e votación do publico: novidade. O xurado estará integrado por cinco persoas, todas elas con fonda vinculación á regueifa: Manolo Maseda, Carme Pereiro, Carlos Alonso, Olalla Liñares e Xosé Manuel Varela. Este equipo irá «podando» aos participantes ao longo das probas, ata que só queden dúas persoas á porta da final. Unha vez que regueifen, será o público o que teña a última palabra: decidirá quen gaña mediante unha votación por tarxetas, elixindo a unha ou a outra persoa.
Nomeamento como Valedor da Regueifa. Dende a súa primeira edición, estes Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz contemplan un recoñecemento para alguén que teña traballado, e traballe, proactivamente pola regueifa. Carlos Alonso, Domingo Blanco —na imaxe— e Manolo Maseda foron os anteriores galardoados. Haberá esta tarde-noite tamén un recoñecemento, mais será sorpresa ata chegado o momento. Agradécese o traballo feito, á vez que se dan forzas para continuar adiante.
Pan Sen Fron fará a festa total no Pazo. A retranca e o humor da regueifa xa son en si unha auténtica festa, pero os Premios Galegos da Regueifa contarán ademais coa actuación de Pandeireteiras Sen Fronteiros, Pan Sen Fron. A «familia de cores» de Xurxo Fernandes, condutor da agrupación, trae para este encontro un popurrí de pezas, todas elas asentadas na tradición, na raíz, mais non necesariamente só de Galicia. As de Pan Sen Fron son músicas do mundo, músicas da humanidade.