Escritor e político, publicou en outubro do 2024 a obra de narrativa «Catro relatos curtos de Deus»
11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.De forma gratuita, o político e escritor carballés Xesús Deus Gende vén de repartir exemplares do seu primeiro libro entre diferentes entidades sociais e bibliotecas: Catro relatos curtos de Deus, 172 páxinas editadas por Toxosoutos, é unha obra de narrativa que viu a luz en outubro do xa pasado 2024. «Non escribo con fins económicos, aínda que uns pesos no peto non estarrecen. Algo se remexe no meu interior que berra por saír, valores cada vez máis esquecidos, sempre coa verdade por diante, con respecto polas ideas que non concordan coas miñas. Que mágoa ollar como a ideoloxía segue presente no apoio e difusión das diferentes obras», reflexionaba onte o autor ao fío desta doazón. «Aínda queda moita xente que tira como pode para chegar a fin de mes. Non debe ser un impedimento para que quen queira ler teña a ben [e poida] facelo», engadía.
Hai exemplares de Catro relatos curtos de Deus en Cáritas, bibliotecas públicas do Concello, Apem, Afaber, Asociación Española contra o Cancro, Cruz Vermella ou centro de día de Berdillo. Aquelas entidades interesadas en dar a coñecer este publicación poden contactar co escritor.