Novo ano e máis obras literarias nos micrófonos de Radio Voz Carballo
CARBALLO MUNICIPIO
Xosé Antonio Andrade e Fernando Cabeza Quiles pasaron onte pola emisora, con Mon Lendoiro
11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai poucos xeitos ben mellores de despedir un ano, e de comezar outro, que con nova literatura. O 2024 deixou algo máis de medio de cento de obras publicadas por autores da Costa da Morte. Aí se inclúen precisamente, no derradeiro trimestre do ano, as obras Os cómaros da vida, do coristanqués Xosé Antonio Andrade, e A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia, do carballés Fernando Cabeza Quiles. Ambas saíron á rúa baixo o selo Espiral Maior Foro, con Miguel A. Fernán Vello á fronte.
Os dous autores, xunto con Raúl Herrera, iniciaron precisamente en Espiral Maior o 2025 cunha firma conxunta de exemplares. Onte, Andrade e Cabeza Quiles visitaron os estudos de Radio Voz, na rúa Gran Vía de Carballo, para facer ante os oíntes un repaso destas dúas obras, mais tamén para adiantar que xa andan traballando, na medida do posible, en novos proxectos. Tiveron como compañeiro de conversa ao creador e artista Mon Lendoiro —Galería Garabato—, pois interviron baixo o paraugas da sección que ten na emisora, O recuncho de Mon. Tamén parte da conversa, o locutor Fran Rodríguez. Publicacións ben diferentes, a de Andrade intimista, a de Cabeza Quiles profusa en divulgación, que agrandan o ceo das letras saídas da comarca bergantiñá.