Xurxo Fernandes: «Das nosas viaxes polo mundo sempre traemos músicas»

p. blanco / f. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A festa de Pandeireteiras Sen Fronteiros, Pan Sen Fron, avivará mañá os Premios Galegos da Regueifa en Carballo: 18.00 horas, no Pazo

10 ene 2025 . Actualizado a las 23:21 h.

Soou en Radio Voz Maneo de Silván, peza ben axeitada para presentar a Pandeireteiras Sen Fronteiros (Pan Sen Fron). Esta agrupación acompañará mañá, ás 18.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, a cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa, iniciativa de La Voz. Falou de Pan Sen Fron o seu «condutor», Xurxo Fernandes, artista e tamén investigador da música tradicional:

—Preparados?

—Si, si, si. Está todo encauzado para facer aí unha grande festa, a ocasión meréceo. Na nosa tradición oral, a regueifa é do máis singular que temos. A improvisación é a esencia da oralidade.

—Pandeireiteiras sen Fronteiros. Que queren contar co nome?

—Temos unha visión aberta da música tradicional, como que é un continuum. Tentamos romper fronteiras, viaxamos polo mundo, adoptamos cancións doutras culturas, estamos abertos a aprender e a transmitir a idea de que a música tradicional é algo común a todos, como unha humanidade, aínda que teña diversas formas. Desta idea vén o de «fronteiros», procurando un pouco que non se nos confundise cunha entidade tipo ONG polo de fronteiras.

PACO RODRÍGUEZ

—Os inicios de Pan Sen Fron remóntanse ao 2014, na Coruña. Veñen de cumprir os dez anos.

Podemos facer un moi bo balance, e máis anos que veñan! Sen ser unha agrupación que nacera cun obxectivo concreto, máis que divertirnos cantando e bailando, aprendendo a nosa expresión, conseguimos grandes cousas. A principal: crear unha comunidade unida e cohesionada a través da música. A música tradicional, ademais de ser esas notas e esas letras, é esa capacidade que ten para crear comunidade. Antes a nosa música era para mocear, estar cos veciños, pasar un San Xoán, facer grupo... Nós lográmolo, e é o máis destacado.

—Non son cifra fixa de persoas.

—Non, procuramos ser un grupo flexible para que todas as realidades persoais teñan o seu espazo. Andamos na media das trinta.

—Familia grande, tamén coñecida como «a familia de cores» de Xurxo Fernandes. Isto terá que ver cos atavíos, co vestir?

—Téñoo escoitado moito. Chaman a atención as nosas cores. Sen querelo, porque non era idea premeditada isto de levar roupa colorida, viva, para transmitir ledicia, ao final acabou sendo así. A nosa intención foi en realidade actualizar o noso traxe, buscar nas marxes das fotos antigas esa xente que se vestía dunha maneira determinada cando empezaron os texidos industriais mesturados cos artesanais, estampados... Queriamos reflectir na nosa roupa esa época de transición.

PACO RODRÍGUEZ

—Pan Sen Fron é música froito de recollidas de músicas de raíz Pero non só de Galicia. Do mundo!

—Viaxamos por el, si, facemos varias viaxes anuais nas que tentamos coñecer as realidades musicais do lugar a onde imos, a través de xente vinculada á música tradicional, ou mesmo buscando pola rúa, onde nos gusta moito tocar. Na rúa accedemos a un público que quizais nunca viría vernos a unha sala. Xorden interaccións e desas viaxes sempre traemos músicas que adoptamos como se fosen nosas, precisamente polas vivencias. No repertorio temos pezas de Italia, Romanía, Turquía...

—Cal foi o destino máis lonxe?

—Quizais á India, hai uns oito anos, terras fascinantes. Para a súa música tradicional farían falta corenta vidas, é un universo.

PACO RODRÍGUEZ

—En tempos recentes pasaron por Zas ou a Foliada de Cerqueda. A Costa da Morte é boa terra para quen ama o noso folclore.

—Por suposto. Bergantiños é un referente máximo para a nosa música tradicional. Para os de Bergantiños e para os de fóra. Hai países avanzados e ricos nos que para aprender unha cantarea tradicional teñen que acudir a libros, imaxinar como sería... Nós temos aos avós e avoas, que quen máis e quen menos sabe unha copla, tocar algo, un punto de baile. Esta riqueza en Bergantiños é explícita, e hai que saber valorala.

—Sabemos de Tania Caamaño en Pan Sen Fron. Algún veciño máis da zona na agrupación?

—Si, ho! Aí está Tania, de Vimianzo, pero tamén Bárbara, de Neaño; Ismael, de Zas... Aínda me han matar se se me pasa algún! Unha boa representación, e xente que estivo e xa non está. Sempre tivemos xente bergantiñá no grupo, afortunadamente.

—Que traen para mañá?

—Algo de todo, un popurrí. Unha festa, irá ben, aínda que como empecen os regueifeiros con nós imos levar unha boa tunda! Hai pouco coincidín cuns cantos na televisión e leveina. Hai canteira... No que pode acabar todo isto!

—Vostede ten feito recollidas polas nosas aldeas. As Letras 2025 serán para as cantareiras.

—É unha boa nova, pero ten que servir para algo. Para ser un trampolín de cara a unha concienciación, protección e atención maior á tradición oral, patrimonio inmaterial que nin se ve nin se pode tocar, pero que si existe. O tempo dirá en que se traduce esta boa nova.