O público terá a última palabra nos cuartos Premios Galegos da Regueifa
CARBALLO MUNICIPIO
![](https://img.lavdg.com/sc/apTfyqNloSYnFgIH2v3Vhw2UFsY=/480x/2025/01/08/00121736349721862506873/Foto/CE9C5F1_162130.jpg)
O xurado, integrado por cinco persoas, cribará ata chegar á gran final, que será cando voten os espectadores. O encontro será este sábado 11 de xaneiro, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo
09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A estrutura da cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa, programados para este sábado 11 de xaneiro ás 18.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo, será similar á anterior entrega, mais cunha novidade de calado: o público terá a última palabra. Haberá un xurado que irá perfilando as diferentes fases coas súas decisións e escollas, ata que no escenario queden tan só os finalistas. Aí, logo da regueifar entre eles, de enfrontarse mediante coplas, os asistentes ao Pazo da Cultura, dende as súas butacas, terán a potestade de elixir a un ou outro gañador segundo quen crea que estivo mellor ese día.
Manolo Maseda, un dos integrantes do xurado e habitual portavoz deste, apuntaba con humor onte en Radio Voz que ben se podería facer mediante un sonómetro de aplausos, vendo que agulla sobe máis, mais non será esa a modalidade de votación a elixida, senón un sistema de tarxetas por cores. As instrucións ao detalle daranse a coñecer nese mesmo intre do espectáculo.
Os Premios Galegos da Regueifa son unha iniciativa de La Voz de Galicia dende a súa redacción de Carballo, promovidos co apoio da Xunta, Calvo-Nauterra e mais o Concello. Foron medrando edición tras edición, incorporando novidades, como é neste caso a votación por parte do público: «Dentro de todos os ítems que se valoran no xurado, por riba de todo está sempre o sentido común. Cremos que o voto de calidade o debe ter o público, así que consideramos un acerto que este ano se dese ese paso adiante», valorou Maseda: «O que vimos na última edición foi un pobo orgulloso. Vimos ao epicentro da regueifa, o seu espazo máis telúrico, o seu equinoccio, acoller a moita xente desprazada ata Carballo para ver, escoitar e sobre todo para participar activamente da regueifa. Por iso tamén cremos importante darlle peso ao público á hora de poñer en valor».
Ata encher aforo
O acceso ao auditorio do Pazo será libre e gratuíto. Quedouse curto o ano pasado, polo que a recomendación desta volta é ir con tempo, para non quedar ás portas unha vez completado o aforo. Con dez regueifeiros e regueifeiras participando, con idades comprendidas entre os vinte anos e os case setenta, a animación está asegurada. Máis aínda coa agrupación que acompañará a velada, Pandereteiras sen Fronteiros, Pan Sen Fron.
Un equipo con cinco persoas encargadas das valoracións: «Sentes responsabilidade»
Carlos Alonso, Xosé Manuel Varela, Olalla Liñares, Carme Pereiro e Manolo Maseda: velaí os cinco nomes do xurado, dos que repiten catro. Son Carlos Alonso, presidente da Asociación Oral de Galicia, entidade clave para o rexurdir da improvisación oral; os docentes Manolo Maseda e Olalla Liñares, ambos con ampla traxectoria ligada a este eido, e Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística de Carballo. A eles sumarase desta volta o malpicán Xosé Manuel Varela, profesor de lingua e literatura galega, escritor e divulgador cultural. Para Varela, en calquera caso, non será tampouco a súa primeira vez integrando o xurado destes Premios que acollerá Carballo o sábado (18.00, Pazo da Cultura), pois xa o fixo na primeira edición, en xaneiro do ano 2022.
Cuestións a analizar
«Queremos que a xente berre, que bote aturuxos, que faga sentir que estamos no epicentro», convidaba onte Manolo Maseda dende Radio Voz. Agarda que se colgue un sold out. Admite que, malia que gozan do espectáculo, o traballo do xurado é «complexo»: «Sentes unha responsabilidade importante, ao final é poñerlle un número a unha persoa que está facendo algo dende unha perspectiva moi intensa. Aguantar os nervios, estar no palco, improvisar, dicir o que che pasa pola cabeza de forma ordenada, e que rime! Iso é xa unha marabilla. Pero non poden chegar todos á final, é o momento e o día que teñan. O premio xa está en que cada unha destas persoas se atreva a subir e improvisar».
Dos dez regueifeiros e regueifeiras que participarán, o xurado irá podando ata que queden tan só os finalistas e, aí si, a decisión recaerá no público. Que valora o xurado? A rúbrica que empregaron na última ocasión contemplaba tempo e axilidade, retranca, métrica, rima, vocabulario, uso da lingua, orixinalidade, posta en escena, discurso e afinación ou musicalidade. Si, todas esas cuestións locen nunha regueifa, e Maseda cre preciso que o público as coñeza, para que entenda como van tomando as decisións.
Como en anteriores edicións, elixiranse ao chou os temas de cara ás controversias. Haberá un bo número deles para que o azar faga a súa maxia. E por que o de designar temas? «Para os participantes supón unha tranquilidade, ao final é un tema no que te marcas, no que te tes que situar. E para o público é versatilidade, de xeito que non se fale sempre do mesmo». Aínda lembra Maseda a experiencia de hai catro anos, co veterano Suso de Xornes regueifando sobre intelixencia artificial: «Foi incrible ver como este home o levaba ao seu terreo, como reconduciu a situación. Para min son deuses, están a nivel estratosférico».
A felicidade que verte por fóra
Maseda, nomeado o ano pasado Valedor da Regueifa, «premio compartido con moita xente que traballa no activismo educativo, entre eles o meu irmán Séchu Sende», di que o 2024 foi un bo ano para a improvisación oral: «Pasaron moitas cousas e no mundo da regueifa, moitas bonitas. Segue habendo un montón de rapazada nova ilusionada por aprender, e moita xente que se achega dende mundos diversos. Se poñemos un barómetro de medir a felicidade do mundo da regueifa, estamos que vertemos por fóra». Fala Manolo dun pobo inzado de creatividade, humor e retranca: «A regueifa do século XXI é esta regueifa 2.0 que se está facendo de forma cooperativa, de corazón, regueifa expansiva». Agarda deste sábado «un espectáculo único, unha boa maneira de comezar o ano 2025 rindo».