Luciano Calvo: «Levei unha fermosa sorpresa coa reacción da xente á regueifa»

Antón Lestón
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa será este sábado en Carballo

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:06 h.

O Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado (18.00 horas) unha nova edición dos Premios Galegos da Regueifa, que tamén leva o nome de Espalla Rimas. Unha cita imprescindible ca tradición oral de Bergantiños que festexará xa a súa cuarta edición, promovidas todas elas por La Voz de Galicia, dende a súa redacción de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua, Calvo-Nauterra e mais o Concello de Carballo.

Serán dez as persoas que midan o seu talento en busca dun galardón no que o público terá un importante peso: Lupe Blanco (Coristanco, 1980), Suso de Xornes (Xornes, Ponteceso), Alberto Liñares (Sofán, Carballo), Nuria Penas (Vila de Cruces), Daniel Vilas (A Coruña), Óscar García (Cambre, Malpica), Paco Felípez (Vilela, Carballo), Carme de Lonxe (A Coruña, Portosín), Cristian Gómez (Burela) e Yéssica Nantón (Carballo).

Un encontro interxeracional que non sería posible sen o apoio do Grupo Nauterra, presidido por Luciano Calvo, que no 2024 xa puido corroborar dende ben preto o talento dos regueifeiros e regueifeiras.

—Escoita falar cada vez máis da regueifa por Carballo?

—Si, é algo que si que volveu a estar na boca da xente, pero menos aínda do que nos gustaría seguramente. Aínda así, é moi bo que haxa tanta xente nova interesándose por todo isto. Son o futuro.

—Que foi o que máis lle sorprendeu o ano pasado no Pazo da Cultura?

—Levei unha grata sorpresa ao ver todo o aforo completo, e quedei moi contento cando a xente amosaba a súa satisfacción por ver a regueifa de novo en vivo. Ademais que foi un gran espectáculo.

—E moito nivel no escenario...

—Moitísimo. Ademais que veña xente máis nova avisa de que isto se está recuperando dunha forma bastante clara, pero tamén empuxa aos máis maiores, que queren seguir destacando.

—Faille rir moito a regueifa?

—Si, claro. Pero iso si, tes que saber un pouco de que vai a historia de cada regueifeiro ou regueifeira. Canto máis saibas das súas orixes ou do contexto sobre o que están falando, mellor o pasas, porque teñen moito enxeño. Eu recordo pasarmo moi ben escoitando aos regueifeiros máis míticos como Celestino o outros nas festas parroquiais. Eran unha verdadeira delicia e agora eu penso que xa hai xente que está chegando a altura deles, porque o nivel que vin o ano pasado foi tremendo e esperemos que nesta edición aínda vaia a máis.

—Nauterra é un apoio imprescindible para este evento que busca revitalizar unha tradición tan bergantiñá como esta. É unha das moitas causas que apoia unha empresa moi preocupada de que non se perdan culturas e costumes que fixeron de Carballo o que é hoxe en día.

—É case que unha obriga para nós. Hai moito traballo detrás e nós encantados de intentar impulsalo porque contribuímos a poñer en valor algo moi noso como é a regueifa. Sempre é bo que non se perdan as tradicións e por iso atoparán sempre tendida a nosa man para estas celebracións.

—Cales cre que deben ser os seguintes pasos para que a regueifa siga crecendo?

—Penso que agora xa está revitalizada esta tradición e recuperada dunha forma clara. Así que toca estabilizala. Ir, pouco a pouco, multiplicando espectáculos como o deste sábado ou cursos e talleres, que sei que en Carballo se está facendo moi ben.

—Cumpre catro anos esta iniciativa dos Premios Galegos da Regueifa e os resultados, como di, son ben visibles. Esperaba este crecemento?

—Pois a verdade é que teño que confesar que non era tan optimista. O ano pasado cando vin o Pazo da Cultura ata arriba, e despois escoitei as reaccións dos presentes, levei unha sorpresa moi positiva. Por iso é moi importante manter esta gala para que o crecemento siga sendo continuo. Sería unha gran nova para todas as partes.