Eles e elas regueifarán este ano en Carballo: «Repetiría unha e mil veces»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Así son, e así falan, os dez participantes nos Premios Galegos da Regueifa que acollerá a capital de Bergantiños o sábado 11 de xaneiro: 18.00 horas, no Pazo da Cultura, con acceso de balde 

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:06 h.

A Suso de Xornes haille que buscar o sorriso debaixo do bigote, mais a súa retranca está en todo el, dende os brazos á barriga ou ese inclinar cara adiante cando colle o micrófono, ese temple que igual lle vén dos tempos de garda civil —xa xubilado— e que mantén enriba do escenario. «O Bayern de Munich da regueifa», dixéronlle o ano pasado. Os Premios Galegos que acollerá Carballo o próximo sábado 11 de xaneiro (18.00 horas, Pazo), promovidos por La Voz co apoio de Xunta, Concello e Nauterra, xa teñen dez voces confirmadas para a súa cuarta edición, e Suso de Xornes será unha delas: «Non hai poblema en ir, aínda non somos tan maiores», di.

El será o representante da que hoxe pode considerarse vella garda da regueifa bergantiñá, aquela da que aínda resoan nomes como Blanco de Muíño Seco, Calviño, Costa, Celestrino, Mandián, O Atrevido, Fermín da Feiranova, Guillermo da Rabadeira ou Leonarda de Tallo, entre outros, todos falecidos. «O caso é participar», afirma. Non quere ser «o number one» mais aí aí estivo nalgunha das edicións destes Premios, que durante tres anos consecutivos leva gañando a coristanquesa Lupe Blanco. Tamén ela, primeira autónoma da regueifa en Galicia, volverá estar o día 11 neste Espalla Rimas. Mestra de novas xeracións, ponte entre a regueifa herdada do seu avó Blanquiño e os tempos actuais, cantareira con conciencia, leva anos sendo un auténtico furacán da improvisación oral, forxando talentos na Escola de Carballo e por Galicia adiante.

BASILIO BELLO

Será novidade nestes Premios a presenza do seu alumno Paco Felípez (Vilela, Carballo): «Unha cousa é a escola, ensaiar cos compañeiros, e outra subir ao estrado. Rimar vas rimando, pero os nervios poden xogar malas pasadas, aínda que sen achegarte alí non o sabes», contaba onte. Para el a regueifa é todo vantaxes: «Dende recordar cousas e historias que vías de neno e un día deixaches de ver, ata o que te activa, que é moito. Buscar o tema, ter rapidez para contestar... A xente nova ten habilidade, aos máis vellos requírenos un plus».

Compañeiro de pupitre é Alberto Liñares, de Sofán, docente. Volverá participar nestes Premios: «Empecei na regueifa un pouco por coñecer a Lupe da música tradicional, e penso que este encontro é unha iniciativa boa, facelo en Carballo, que é o berce, aínda que logo a regueifa se estendese por outros territorios, levándose igual un pouco máis a esa parte profesional dos camerinos». Para Liñares, non hai outro obxectivo, nin un mellor, que pasalo ben, «facer disfrutar á xente». «Quen leve o premio é secundario. O importante é que é un encontro en torno a algo feito, e isto tamén é clave, en lingua galega, a regueifa é un mecanismo para dinamizala, un mecanismo divertido que pode servir, ademais, para denunciar e poñer enriba problemáticas diversas», engade. «Pan para a lingua», reafirma Carme Fernández, igualmente docente e alumna da Escola de Regueifa de Carballo.

«Para min é un todo»

Así lembra esa Carme de Lonxe —nome artístico— a súa participación primeira no Espalla Rimas, no que recuncará por segunda vez: «Puiden partillar publicamente algo que me encanta facer, cantar e facer poesía, humilde e popular, mais poesía á fin. Foi o meu bautismo de lume, unha responsabilidade, un transo». De inicio tocoulle nada menos que con Suso de Xornes: «Hai que pasar o reto e pasalo de vez», ri. Crear beleza coa palabra, sumarlle humor, relacionarse dun xeito especial con quen se ten diante... Para Carme a regueifa é todo iso, e é tamén «o calor que hai en Carballo». Agarda pasalo igual de ben este ano, gañar fluidez, táboas, práctica: «Repetiría unha e outra vez como participante, e se fose como público, tamén. A regueifa é un todo, a nivel persoal e profesional».

«Eu gañei unha familia», chega a dicir o malpicán Óscar García, agora veciño de Coristanco. Iso foi o que a el lle trouxo a «piña» da regueifa, á que xa leva un tempo vinculado, e a da escola carballesa, da que é alumno dende os seus inicios. Do Espalla Rimas, mais que coa competición, prefire quedar co compartir, co convivir e co «orgullo» de ver a novos talentos. Isto cadra ben con ese carácter «distendido» que sempre tivo. Sábeno ben os seguidores dos seus vídeos en redes, aos que leva a mesma aposta que na regueifa: «A nosa retranca, o noso humor e tamén o noso idioma».

BASILIO BELLO

Yéssica, Cristian, Chaminho ou Nuria, nomes que afianzan futuro

Yessica Nantón, con Carballo, Coristanco e Cabana como localidades identitarias, ten asentada xa unha boa traxectoria nestes Premios: «Espalla Rimas para min significa ver talento regueifeiro, ver que Bergantiños segue tendo esa tradición, aínda que muden cousas, pero a base segue aí. Significa tamén nervios, polos centos de persoas no público, e porque é todo improvisado. Coñeces xente nova coa que pode xurdir unión, pero o que aínda me anima máis a acudir a estes encontros é pensar que Anxo —o seu fillo, de cinco anos— vexa e siga mantendo este fío coa cultura tradicional. E ver que dende a primeira regueifa que fixen, en Soandres haberá sete anos, seguen acompañándome familia e amigos, seguen sendo os mesmos alá a onde vaia».

Da bravura da Costa da Morte e por tanta da regueifa que aquí se fai ten falado xa Daniel Vilas, Chaminho, outro dos nomes confirmados para o 11 de xaneiro, igual que o de Yéssica. Coruñés e mozo de mar, foi un pouco este, e tamén o hip-hop, o que o acabou traendo ata a improvisación oral. Mesmo ata unha sorte de irmandade con Óscar García, como a que acreditaron no escenario do Pazo o ano pasado. Logo dun ano de ausencia, volverá a Carballo, doutro lado, Cristian Gómez Mesa, de Burela. Foi unha viaxe ao País Vasco e o contacto cos bertsolaris, ten contado noutras ocasións, o que o levou a querer internarse neste mundo. Propostas como o Enreguéifate amosáronlle a «ferramenta de construción» que é a improvisación, no seu caso para gañar soltura e saber saír do paso: con nutrida cabeleira, en Carballo, cousas do azar, tocoulle defender os implantes de pelo en Turquía.

Máis alá dos nenos e mozos que acudan dende as escolas, unha das participantes de menor idade nos Premios deste ano será Nuria Penas, de Vila de Cruces, con 21 anos, quen concorre por vez primeira. Membro do colectivo ou espazo Erre que Erre, espallador da improvisación oral en galego, é tamén formadora nos obradoiros de Enreguéifate e está ligada aos brindos da Pobra. Creatividade, imaxinación e diversión son para ela as bazas da regueifa, á que chegou hai uns dez anos por medio de Séchu Sende, nas aulas. Perdeu vergoña, gañou recursos, coñeceu persoas e chegou a movementos sociais de recuperación de cultura e idioma.

PARA CONTEXTUALIZAR 

Que é a regueifa. Un xeito de improvisación oral de Galicia, con berce en Bergantiños. Non o único que ten existidio, mais si quizais hoxe o que, como tal, segue vivo. Versos octosílabos (rimando o segundo co cuarto), ritmo e poesía. Retranca e controversia tamén. Unha loita dialéctica a base de palabras.

«Beneficios». Unha longa ristra deles. Para Carme de Lonxe: «Alimento para o idioma, actualización de tradición, exercicio no lingüístico e cognitivo, ferramenta na didáctica para gañar en vocabulario, fineza, riqueza expresiva, recursos literarios...». Por riba, fainos felices, e reafirma a autoestima.

OS PARTICIPANTES, UN A UN 

BASILIO BELLO

Lupe Blanco. Coristanquesa do ano 1980, leva tres anos gañando os Premios Galegos da Regueifa. Hai algo menos dun decenio que vén revolucionando a improvisación oral, conectando a tradición cos novos tempos.

BASILIO BELLO

Suso de Xornes. Nado no ano 1957, pasa dos 65 e non chega aos 70. El é emblema da vella garda de regueifeiros bergantiñáns. Un dos imprescindibles deste concurso no que, para el, todo canto importa é «participar».  

BASILIO BELLO

Alberto Liñares. Natural de Sofán (Carballo), cumpriu no 2024 os 30 anos, malia que, con sorna, di que preferiría pensar que ten 25. Participa por segunda vez e da cita quédase coa convivencia de distintas voces e «tonadas» de Galicia. 

Nuria Penas. Con 21 anos, de Vila de Cruces, estuda o grao en Ciencia Política e da Administración na Universidade de Santiago. Participa por vez primeira. Chámalle a atención da cita «que seremos moitos a regueifar xuntos», di.

BASILIO BELLO

Daniel Vilas, Chaminho. Coruñés, chegou aos terceiros Premios Galegos da Regueifa con 28 anos, así que desta volta ten un máis. Recunca con ese aire de hip-hop e un «buenismo» sobre o escenario. A regueifa para el é estar presente. 

BASILIO BELLO

Óscar García Pombo. Transportista, de 48 anos, é natural de Cambre, Malpica, mais hoxe en día veciño de Coristanco. Participante dende o primeiro ano, agarda pola festa do día 11: «Se o ano pasado foi potente, este igual aínda máis».

Viu

Paco Felípez. Unha das novidades deste Espalla Rimas. De Vilela (Carballo), leva un ano como alumno da Escola de Regueifa de Carballo: tíralle da improvisación o ben que vai para mover a mente. Nuns días cumprirá os 69.

BASILIO BELLO

Carme de Lonxe. Nacida na Coruña, criada en Ferrol, dos 14 aos 19 viviu en Sevilla, estudou en Santiago... Agora é mestra en Camariñas —tamén pasou por Camelle—, vive en Portosín e é alumna da Escola de Regueifa de Carballo. Ten 51 anos. 

BASILIO BELLO

Cristian Gómez. Tiña de cara a edición do 2023 só 19 anos —non puido estar na do 2024—. Súmalle agora por tanto un par deles máis. A implicación vénlle de cedo, asumindo a comisión de festas da súa Burela natal.

BASILIO BELLO

Yéssica Nantón. Con 31 anos, e bergantiñá por triple costado, foi no seu día gañadora do RegueiNovos, cando había categorías neste Espalla Rimas. O encontro ten para ela o peso de seguir reafirmando unha tradición propia.