Pan Sen Fron fará aínda máis completa a festa dos Premios Galegos da Regueifa en Carballo

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Será o 11 de xaneiro, no Pazo da Cultura, ás seis da tarde. Cita coa improvisación e coa oralidade, coa raíz e tradición, co patrimonio inmaterial 

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:07 h.

Moitos dos asistentes o ano pasado aos Premios Galegos da Regueifa no Pazo da Cultura de Carballo aínda lembran a festa que armou a orquestra bravú Xangai. «Foi algo espectacular», evoca por exemplo Carme Fernández, Carme de Lonxe, unha das participantes. Para ela quedou máis que acreditado que, como dixo daquela volta Xurxo Souto, «somos un pobo de artistas»: «Somos un pobo de artistas e en Bergantiños aínda máis, e iso que eu non son bergantiñá, mais síntoa a miña terra, o meu ambiente». O regueifeiro Óscar García asevera que Xangai deixou o listón moi alto, mais, logo de coñecer o grupo que acompañará esta festa da lingua o sábado 11 de xaneiro, vaticina que o que ocorrerá no Pazo da Cultura non se quedará atrás.

BASILIO BELLO

Pode desvelarse, pois, que quen acompañará esta velada de improvisación oral do cuarto Espalla Rimas será a agrupación Pan Sen Fron, Pandereteiras sen Fronteiros. Con Xurxo Fernandes á fronte, esta «familia de cores» ten por fin o de armar festa, pero máis alá diso, o de poñer en valor a cultura galega, expandíndoa e irmandándoa con outras culturas e sonoridades tradicionais do mundo. Viaxan e recollen. Así o teñen feito xa por moi diversas latitudes. Foi «case por casualidade» —contaba Fernandes nunha entrevista para La Voz antes da súa participación no Festifolk— que naceu Pan Sen Fron, ano 2014. Veñen de cumprir un decenio, pois, estes músicos de diversas procedencias co sentir común de mergullarse na oralidade, na raíz, para recuperar patrimonio inmaterial.