Ángeles Pacoret: «Cada vez pídennos máis e máis obradoiros de regueifa»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

ANA GARCÍA

Carballo, con escola propia de improvisación oral, acollerá o vindeiro sábado 11 de xaneiro os Premios Galegos da Regueifa. Fala a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística 

04 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Afiamos lingua para os Premios Galegos da Regueifa. A cuarta edición do certame Espalla Rimas xa ten data: sábado 11 de xaneiro, ás 18.00, no Pazo da Cultura de Carballo, con acceso de balde. Unha iniciativa de La Voz de Galicia, pero que non sería posible sen o apoio de institucións como a Secretaría Xeral da Lingua ou o Concello de Carballo. Falou en Radio Voz Ángeles Pacoret, edila de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística:

—A edición do 2024 ía ser a súa primeira como concelleira, agora afronta a segunda. Pasou un ano.

—O tempo pasa voando! Para min a regueifa foi unha descuberta, case que me iniciei nesa edición, asistindo de público, vendo todo o que se estaba movendo, absorbendo esa información. Convido a todo o mundo a ir.

—A área de Normalización toca moitos paus, tamén este, con propostas para nenos e grandes.

—Reitérome absolutamente sorprendida de que un servizo coma o de Normalización Lingüística, que teño que dicir que só consta dunha técnica, leve a cabo tal cantidade de actividades. Clubs de lectura, Apego, Enreguéifate...

—A nivel bibliotecas foi un 2024 importante para Carballo. Dende o décimo aniversario da Rego da Balsa ata o novo nome e imaxe da biblioteca da rúa San Xoán.

—Efectivamente! Que vou dicir da biblioteca Rego da Balsa, un lugar tan acolledor, tan amplo, cun persoal magnífico, con todo tipo de lecturas... Démoslle tamén unha renovación, parcial, pero importante, á biblioteca da rúa San Xoán, que bautizamos como Agra de Campos, tendo en conta o microtopónimo onde está o solar.

—O Concello de Carballo é un dos impulsores do programa Enreguéifate, promove obradoiros en colexios. Presupostar unha cantidade para potenciar a improvisación oral non é habitual.

—Pois non, non somos moitos, pero é unha das cousas da que nos sentimos máis orgullosos, porque esta actividade chega a moitos nenos e nenas, mozos e mozas, e iso para nós, que o que queremos é impulsar a lingua, é moi importante. Agora mesmo, aquí no concello, todos os centros de ensino de primaria e secundaria solicitaron obradoiros de Enreguéifate. Iso significa que boa parte do alumnado recibirá clases maxistrais de Lupe Blanco. Non se trata só de manter unha tradición, unha esencia, senón de renovar para que as novas xeracións se unan. Lupe aí ten un reto importante. Neses obradoiros, á vez que a improvisación, traballas a autoestima, a imaxinación, a poesía... pero sobre todo trabállase en galego.

—Vostede é docente, e fala de que cada vez hai máis demanda. Como se vive nas aulas?

—Todas estas partes extracurriculares son moi interesantes. Son cuestións ás que a escola a veces non pode chegar, por falta de recursos, tempo... Podes explicar moi ben en Lingua Galega e Literatura o que é unha regueifa, pero se non hai alguén que a viva, se os nenos non poden elaborar os octosílabos, facer a rima... Ese apartado práctico é o que traballan estes obradoiros. Cada ano pídennos máis e máis obradoiros, e intentamos chegar a todos, pero temos que elixir cursos, ao final tamén é cuestión de custes, imos ata onde podemos.

—Os últimos datos do IGE sobre o uso do galego son unha chamada de atención. En que medida axuda a regueifa a falalo?

—Os datos son tremendos, para pensar. É algo que nos atinxe a toda a sociedade. Se es consciente de que es un privilexiado por ter unha lingua propia, debes coidala e ter un compromiso con ela, empregala. Á Escola de Regueifa, á que convido a todo o mundo a participar ou a ir a escoitar e ver como funciona, e que é dende os 0 ata os 100 anos, incorporáronse recentemente dúas ou tres nenas absolutamente castelán falantes. Para min iso xa nos di que algo estamos facendo ben: observaron, gustoulles, queren volver. Impresiona. Falar galego, querer a lingua, empregala, non apartala, é a mellor homenaxe a facerlle.

—Ata marzo do 2023, a creación dunha Escola de Regueifa en Carballo era materia pendente. Agora a iniciativa está a piques de cumprir dous anos e non deixa de medrar. O segredo?

—Para min o segredo está na xente. Vou de cando en vez, como observadora e para dar ánimos, asistín aos obradoiros para profesores de toda Galicia que fixemos aquí en Carballo, interesantísimo. Temos a mellor mestra, a mellor regueifeira do país [leva tres anos gañando este certame]. Lupe fai grupo, nenos e maiores quérena.