Carballo acollerá unha nova edición, a cuarta, dos Premios Galegos da Regueifa

CARBALLO MUNICIPIO

O mellor da improvisación oral reunirase o vindeiro sábado 11 de xaneiro, no Pazo da Cultura: 18.00 horas
05 ene 2025 . Actualizado a las 00:13 h.A época de Nadal aínda desborda en propostas culturais e de ocio, mais axiña toda esta mare mágnum de actividades tocará ao seu fin. Cando iso ocorra, pasados os Reis, bergantiñáns e veciños de máis aló, da Costa da Morte e do resto de Galicia, terán unha cita imprescindible en Carballo. Para o sábado 11 de xaneiro, ás 18.00 horas, está programada a cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa, un certame que tamén leva o nome de Espalla Rimas. O mellor da improvisación oral galega, ademais de novas fornadas que veñen pisando forte, reunirase ese día no Pazo da Cultura.
Os Premios Galegos da Regueifa son promovidos por La Voz de Galicia dende a súa redacción de Carballo, co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua, Calvo-Nauterra e mais Concello de Carballo. A iniciativa pretende poñer en valor, dado que aquí está o seu berce, unha manifestación cultural identitaria da comarca bergantiñá, a regueifa, elixindo para o encontro, como non, a súa capital.
Non só se conseguiu manter vivo este xeito de improvisación oral, senón que dun tempo a esta parte remocea. Diso é boa proba este Espalla Rimas, pero tamén convocatorias como o Enreguéifate, con traballo dende distintas frontes, e por suposto a Escola de Regueifa de Carballo, creada en marzo do 2023. A coristanquesa Lupe Blanco, a quen a regueifa lle veu de sangue, primeira autónoma dedicada a este sector, mestra desta Escola, segue a ser capital no revitalizar dos versos. Ela foi, nas tres edicións anteriores, a gañadora destes Premios, así que tocará ver que ocorre na cuarta, para a que haberá novidades que se irán contando en vindeiros días.
Importantes nomes da regueifa bergantiñá e da improvisación feita dende outros puntos de Galicia xa teñen confirmada a súa asistencia, mais aínda está a tempo, de querer participar. Tal e como vén publicando La Voz nas últimas xornadas, os interesados en concorrer han de enviar, ata as 00.00 horas de hoxe, un vídeo cunha regueifa propia, dun minuto de duración, a eventos.carballo@lavoz.es.
A do sábado 11 de xaneiro será unha tarde de festa, para amosar a potente ferramenta educativa e lingüística que pode ser esta disciplina, ademais da súa versatilidade á hora de abordar calquera tema da actualidade. O acceso ao Pazo para gozar de Espalla Rimas 2025 será totalmente libre, ata completar o aforo do auditorio: vaia cedo, pois a última vez quedouse pequeno!