
Rocío Villar leyó un texto antes del debate de la moción conjunta del BNG y el PSOE
20 dic 2024 . Actualizado a las 13:48 h.Queremos comezar agradecendo á corporación municipal de Carballo que hoxe nos escoite. Que nos permita estar aquí para dicir que estamos preocupados e, hoxe máis que nunca, indignados, cabreados e decididos a seguir loitando. Porque hoxe viñeron os Reis Magos ó Bergantiños, pero trouxeron carbón para todos os nenos e nenas.
Como todos saben, levamos máis dun mes pedíndolle á Consellería de Educación que nos escoite, que sente a falar con nós e coa dirección do centro. Comezamos o día 8 de novembro, cando enviamos o noso primeiro escrito ó inspector de Educación, o señor Trigás, e non foi ata hoxe, casualmente día da nosa intervención no pleno, cando recibimos resposta. Unha resposta que nos decepcionou. Tanto ou máis que saber que o inspector estivo esta mañán no noso colexio, pero nin nos avisou para falar en persoa. E non sería por falta de pedirlle reunións. Supoñemos que non nos quixover porque lle caería a cara de vergonza se tivese que dicirnos en persoa o que nos dixo por escrito. E, ollo,porque estamos personalizando no señor Trigás, pero el non é máis que un funcionario que fai o que lle mandan desde a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Así que moitas grazas señor conselleiro Román Rodríguez, e señor presidente Alfonso Rueda. Moitas grazas polos seus desprezos ós nosos fillos e fillas.
O 8 de novembro comezamos a nosa protesta para denunciar que os nenos e nenas con necesidade de apoio educativo estaban sin atender. Nun colexio con 575 alumnos, 20 estaban identificados con Necesidades Educativas Especiais (os NEE) e 180, con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (os NEAE). E 50 pendentes de avaliación pola orientadora. A día de hoxe, as cousas cambiaron como nos dixo o señor Rubén Lorenzo na reunión que tivemos o luns. Pero cando se fan os deberes,hai que facelos ben, porque para facer unha trapallada é mellor non facer nada.
É certo que nestas semanas se avaliaron xa 20 alumnos e alumnas. Resultado,todos presentan necesidades: posiblemente, a falta de confirmación médica, 2, necesidades educativas especiais, e 18, necesidades específicas de apoio. Por estes 20 que se avaliaron, entraron outros 20 na lista de espera de avaliación. Entón, 50 menos 20 igual a 30. E 30 máis 20, igual a 50. Sabemos restar, pero tamén sumar. Pero sobre todo, sabemos que non son números, non son cabezas, son nenos e nenas con distintos nomes e apelidos, con distintas necesidades, pero cos mesmos dereitos.
E como sumar sabemos, a conta dáen que agora estamos peor que hai unhas semanas. Temos 22 NEE e 198 NEAE e seguimos con 50 pendentes. Pero permítanme que lles traduza estas definicións:
Un alumno con Necesidades Educativas Especiais é aquel que afronta barreiras que limitan o seu acceso, presencia, participación ou aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conducta, da comunicación e da linguaxe. Por lei, deben estar atendidos polos especialistas de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe. Correcto. No noso centro hai 22 alumnos e alumnas nesta situación e están atendidos, eso sí, con menos horas de atención que o curso pasado.
A outra categoría son os alumnos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, os NEAE. Falamos de nenos e nenas con trastorno de déficit de atención, trastorno do espectro autista, trastornos de aprendizaxe, da comunicación e da linguaxe. Falamos de alumnado de incorporación tardía ó noso sistema educativo que descoñece o idioma. Falamos de nenos que poderían ter un futuro prometedor pero, por falta de apoio, poden acabar en fracaso escolar. 198 nenos e nenas nesta situación hai hoxe no Bergantiños. E recordemos que temos 50 esperando a ser avaliados co cal pasaremos, seguro, dos 200. E aquí radica o problema. O sistema di que o apoio a estes nenos deben prestarllo mestres con dispoñibilidade horaria e, mira por onde, os mestres teñen o seu horario cuberto, non teñen máis horas.
¿Qué pasa entón?
Pois que nunha mesma aula podemos ter, por exemplo, 23 alumnos. 1 deles con un grado de discapacidade, 4 con déficit de atención e hiperactividade, 1 con altas capacidades e 1 que non fala nin entende galego nin castelán. E todo iso atendido por un único docente. Por moi bo que sexa é imposible. Humanamente imposible atender a todos como merecen e teñen dereito. E, non se confundan, porque o problema non é so para os nenos con necesidade de apoio educativo, é para todos, porque os que van ben, teñen que ir solos…claro, ata que empecen a patinar e ahí xa temos outro problema.
A Consellería responde hoxe a estas demandas e dinos que temos 4 mestres máis do que nos correspondería “por catálogo”. Pero o problema é que ese “catálogo” fala de número de alumnos non das súas particularidades. E o catálogo aplica os mesmos baremos para un centro con un 10 % de alumnos con necesidade de apoio educativo que para outro cun 35 %, como é o noso caso. Volvemos ó mesmo, non son números, son persoas.
Dinos tamén que aínda temos máis, porque temos un profesor e medio de relixión por riba do catálogo. A Dios gracias. Está ben ter 1 orientador e 1 e medio de relixión. As prioridades están claras.
Respecto ás valoracións pendentes, di a resposta que nos chegou hoxe que é normal ter moitas en outubro porque a maioría se solicitan en setembro. Igual, perdón polo atrevemento, si nos conceden un segundo orientador como pedimos nun centro das nosas características, non habería tantas pendentes. Solo é unha idea. Pero tanto da non? ¿Qué présa corre valoralos si da valoración vai resultar que necesitanapoioeducativo pero non hai quen llo dea?
O señor Trigás e o señor Conselleiro olvidáronse decontestar porque non nos concederon o programa PROA+ cando cumplimos os requisitos; porque non temos un grupo de adquisición de linguas dotado de profesorado cando temos hoxe 11 alumnos estranxeiros sin competencias nos nosos idiomas oficiais e, sobre todo, quen vai dar apoio educativo ós 198 nenos e nenas que teñen un papel que certifica que o precisan,sinon hai profesorado con horas libres.
Sentimos que se están rindo de nós e esperando a que nos cansemos. Pero van por mal camiño.Qué farían vostedes como pais e nais si a mestra lles di que o seu fillo se está descolgando da clase e que precisaría apoio educativo pero non o ten por falta de profesorado? Qué farían vostedes como mestras se tivesen que escoller a que neno priorizan nas valoracións da orientadora porque non da para atender a todos? Pois probablemente o que estamos facendo nós. Pedir o que nos corresponde por xustiza. Porque a lei di que todos temos dereito a unha educación pública de calidade, inclusiva e que garantice a igualdade de oportunidades para todos. Pero a realidade está moi lonxe do que di a lei. Alomenos na nosa escola. Na nosa escola pública na que se choran os cartos para reforzar o persoal mentras se subvenciona a privada.
Estamos indignados, enfadados e dolidos coa Xunta. Sabemos que si houbera eleccións á volta da esquina, xa teríamos prometida ata piscina climatizada no centro. Pero non é así, e tampouco queremos iso. Queremos feitos, queremos os noso dereitos. E quen pense que de aquí as próximas eleccións a xente xa olvidará isto, pode estar equivocado, porque os pais podemos olvidar e mesmo perdoar os desprezos que nos fan a nós… pero non os que lle fan ós nosos fillos e fillas.
Señor alcalde, señores concelleiros e concelleiras, esperamos que apoien esta moción porque é de xustiza. Precisamos un segundo orientador, máis profesorado para poder dar apoio educativo ós nenos e nenas que o necesitan,a inclusión no programa PROA+ e un grupo de adquisición de linguas dotado de profesorado porque o que temos está afogado, canso e preocupado polos nosos fllos.
Queremos dirixirnos directamente ós concelleiros do Partido Popular. Somos do colexio Bergantiños, non do Fogar, tal e como publicaron nas súas redes sociais despois doencontro do luns, e non pedimos un ordenador. Aclarado isto, teñen que saber que os datos son os que son e falamos dos nosos fillos e fillas, non de números. A realidade é a que lles acabamos de resumir e ben o saben na Xunta por moito que intenten confundirnos na súa resposta. Agora só teñen dúas opcións: votar a favor dos seus veciños e remar con nós para que a Consellería nos atenda de verdade, ou votar a favor do seu partido. Vostedes verán a quen se deben. Pero as familias do Bergantiños han de ter memoria cando chegue o momento de que sexan vostedes os que teñan que pasar o exame. Polo de agora, os deberes non os fixeron moi ben.
Non nos queda máis que agradecerlles que nos escoiten, pedirlles que nos apoien e que sigan con nós ata o final. Porque teñan claro que non imos parar. Loitamos polo ben dos nosos fillos e fillas e ante iso, ningún pai nin nai se detén. Moitas grazas.