Os participantes na «Sinfonía Bergantiños» viron en primicia o vídeo da presentación

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

CONCELLO

Foi onte, sábado, con Sergio Moure de Oteyza

15 dic 2024 . Actualizado a las 15:40 h.

Contan dende o Concello de Carballo que o San Xoán 2024 pasará á historia polo seu pregón. Porque, «ademais de dedicarlle ao seu lugar de nacemento unhas fermosísimas palabras, o músico Sergio Moure dedicoulle unha extraordinaria sinfonía, creando un momento único que gardamos na nosa memoria e que agora queremos compartir con todo o mundo». 

O pasado 19 de xuño estreouse a Sinfonía Bergantiños, unha encarga do Concello de Carballo a Sergio Moure de Oteyza que o Concello quere converter no himno local. A interpretación correu a cargo da Orquestra Sinfónica Gaos, e a sinfonía remata cun movemento dedicado a Carballo no que cobra especial protagonismo a música tradicional. Por iso, para levala ao escenario contouse coa colaboración dos alumnos do Conservatorio Profesional de Música, Manuel Rey Trigo (lira e pandeiro) e Valentín Porteiro Rodríguez (gaita), co zanfonista Luis Bolón e cunha vintena de cantareiras das agrupacións Arume, Nemeth e Escola do Alprende

Algunhas desas persoas volveron reunirse onte sábado para ver en primicia, antes da súa publicación nas redes, o vídeo da interpretación, que tamén se gravou en formato pendrive para que sexa un dos agasallos institucionais do Concello.

O encontro celebrouse nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás que se achegaron Sergio Moure, Manuel Rey, unha ampla representación das cantareiras e tamén do goberno municipal, encabezada esta última polo alcalde, Evencio Ferrero. Tamén se sumou o director do CMUS, Javier Bardanca, xa que unha das ideas nas que se está a traballar é a adaptación dese terceiro movemento dedicado a Carballo para outros formatos musicais. «E, como pasou o 19 de xuño, todas e todos escoitaron en absoluto silencio ata o remate, no que soaron con forza de novo os aplausos. A xuntanza serviu para poñer en común as valoracións da experiencia, todas moi positivas, e o interese compartido de que a Sinfonía Bergantiños, que tamén poderá escoitarse nas principais plataformas musicais, teña moitas reproducións a partir de agora», relatan dende o goberno local.