«É importante que reflexionemos sobre o que temos nas mans e pés»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s celebrou en Carballo unha das súas Xornadas sobre Baile Tradicional Galego

15 dic 2024 . Actualizado a las 23:53 h.

Ben viñeron este domingo os obradoiros de baile con Mar da Bouzas e Ramón do Serrador para espantar as baixísimas temperaturas da mañá. Fóra do centro social de Bértoa, á hora de inicio da Xornada de baile tradicional promovida en Carballo por parte da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG), as herbas aínda crebaban baixo os pés por mor do resío. A ribeirana, os bailes soltos de Mens e outros puntos de Malpica, ou os da serra de Montemaior, espeliron o frío da mañá, cálida en reflexións.

Na súa faceta de edil, mais sobre todo como adival da música e o baile tradicional galego, xa o tivera dito Ramón do Serrador antes de arrincar: «É importante que reflexionemos sobre o que temos nas mans e nos pés». Pronunciou estas palabras para presentar á conferenciante inaugural, Beatriz Busto Miramontes, cunha extensa formación e currículo, entre o que figura a autoría do libro Pandereteiras de Mens (aCentralFolque). Os seus tamén foron puntos, pero de pensamento, baixo o epígrafe Os corpos rev(b)elados: poder, xénero, e dicotomía no baile. A xornada da AGG, coa colaboración da Deputación e o Concello, tróuxose a Carballo ás portas do 2025, ano no que as Letras Galegas se lle dedicarán á poesía popular oral, personificada en nomes, precisamente, como os de tres das pandeireteiras de Mens. Un acto por adiantado.

BASILIO BELLO

«Gustaríame que este ano, se ten que servir para algo, fose non só para poñer de manifesto algúns nomes que xa coñecemos, senón para reflexionar canto traballo de arqueoloxía aínda nos falta por facer para rescatar eses centos de nomes, e sobre todo de mulleres, da rede mitocondrial e espallada que sempre formou parte do noso país (...) Que sirva para que busquedes mulleres nos vosos territorios, que se levanten do esquecemento, da terra». Foron as primeiras palabras de Busto Miramontes dirixidas a un público integrado, sobre todo, por persoas vinculadas ao mundo do baile. Para eles, unha certeira reflexión de como cantos, bailes ou toques ligados á oralidade acabaron sendo outros durante o proceso de foclorización. «Nos corpos que bailan tamén se inscriben relacións de poder, de diálogo, de comunicación. Os corpos son políticos cando bailan. Temos que pensar qué tipo de política, de narrativa, queremos ir contando a partir de agora».

A tiranía do escenario

O caso concreto das pandeireteiras de Mens e do seu universo, documentado con tesouros audiovisuais como unha gravación en Súper8 (S8) da recollida dunha cátedra ambulante da Sección Feminina, ano 71, serviu para reflexionar sobre iso, sobre como as re-interpretacións coreográficas de bailes acabaron en moitos casos por dicotomizar marcadamente os roles, home-muller, «unha dicotomía, tamén de poder, que non se vían naqueles corpos revelados». «Non é que o xénero non operase, pero as corporeidades eran moito máis horizontais, fluídas», precisou Beatriz. De aí a chamada a rebelarse.

Que aconteceu entre aqueles corpos que se amosaban nas recollidas e o que logo se interpretou nos palcos? «A tiranía do escénico, do estético», mesmamente. Naquela vella cinta cedida pola asociación Eidos para a súa dixitalización, veciños e veciñas de Mens, dixo Beatriz, bailan con corpos que dialogan case por igual, mesmo de xeito desordenado, non excesivamente marcial. Nos palcos xa todo fica medido, «e bailan corpos mozos, ben vestidos, bonitos». Unha narrativa distinta que para os presentes en Bértoa quedou patente, igual que o fondo impacto das etiquetas e das categorizacións de bailes. Perspectivas emic e etic.